Turquía asasinou 16 persoas que tentaban cruzar a fronteira con Siria

Segundo os dados publicados polo Observatorio Sirio de Dereitos Humanos foron disparadas. A cifra podería ser maior, advirten. 

[Imaxe: ACNUR] Refuxiadas
photo_camera [Imaxe: ACNUR]

Cando menos 16 persoas, incluídas crianzas, foron asasinadas polas forzas fronteirizas turcas cando tentaban cruzar desde Siria. Así o sinala o Observatorio Sirio de Dereitos Humanos nunha información recollida polo xornal The Times. Porén, outras fontes elevarían a cifra, correspondente aos últimos catro meses. 

Así mesmo, organizacións internacionais teñen denunciado deportacións por parte do executivo turco de persoas refuxiadas --principalmente afgás-- de volta aos lugares dos que fuxiron e son perseguidas. 

Para cumprir o acordado no Consello europeo Grecia recoñecerá Turquía como 'país seguro'

A información prodúcese no marco do acordo asinado entre a UE e Turquía que prevé a deportación a Ankara de todas as persoas refuxiadas que cheguen a Grecia a partir do 20 de marzo. Para tal fin, o goberno grego debe recoñecer a Turquía como 'país seguro' o que avalaría --cando menos sobre o papel-- a legalidade de devolucións masivas que, no entanto, vulneran os tratados e convencións internacionais. 

Embora o debate desta cuestión no Parlamento grego se prevía para esta semana, as divisións internas en Syriza pospuxeron o rexistro da medida na Cámara. A portavoz do executivo heleno asegurou que será presentado "nos próximos días" e que non recoñecerá explicitamente Turquía como 'país seguro' mais si a existencia desta figura sempre que o territorio en cuestión teña asinada a Convención de Xenebra e os protocolos que a acompañan. Estes últimos son os textos que o goberno turco aínda non asinou. 

Comentarios