Turquía amplía o estado de excepción e fecha unha canle infantil que emite en curdo

Exército e policía clausuran varios medios curdos e precintan as súas oficinas. Ankara amplía tres meses o estado de excepción.

zarok curdistán turquía

Ankara amplía tres meses o estado de excepción decretado após o intento de golpe de estado do pasado 15 de xullo. Unha ampliación que ten como finalidade, segundo recoñece o goberno turco, acabar “coas organizacións terroristas”. Ankara deu orde de fechar 20 medios de comunicación, maioritariamente curdos, acusándoos de fomentar actividades subversivas. Entre as canles fechadas está Zarok TV, que emite unicamente debuxos infantís en lingua curda. Bob Esponxa ou Gardfield son algúns dos programas estrela desta canle, cuxas oficinas foron ocupadas e rexistradas polas forzas de seguridade para ser posteriormente precintadas.

Mais non só Zarok foi obrigada a deixar de emitir. A vaga de represión de Ankara deixou emitindo en curdo apenas unha canle musical. Ankara suspendeu a emisión da cadea por satélite Med Nuçe, á que acusa de ser voceira do PKK. E as ofincias de canles como Azadi ou Jiyan foron precintadas. O goberno de Erdogan mantén así a liña que encetou en agosto co fechamento do diario curdo Özgür Gündem acusándoo de “propaganda terrorista”.

“Após acalar boa parte da prensa crítica, Turquía agora pon no ponto de mira boa parte da expresión cultural e política mediante o fechamento de emisoras minoritarias”, manifestou o vice-director executivo do Comité para a protección dos xornalistas, Robert Mahoney.

Comentarios