O TSXG tomba o despedimento colectivo en Alcoa

O Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) dá a razón aos sindicatos e decreta nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa.

alcoa carlos castro
photo_camera (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) decretou nulo o expediente de regulación de emprego (ERE) de Alcoa ao apreciar "mala fe" nas negociacións por parte da empresa.

Así, o TSXG dá á razón aos sindicatos CIG, UXT e CCOO e tomba nesta quinta feira, 18 de decembro, o despedimento colectivo de máis de 500 traballadores da planta de aluminio de Alcoa en San Cibrao (Cervo) e que afectaría outros tantos postos de emprego nas auxiliares e suporía parar as cubas de electrólise desta fábrica de aluminio.

Na súa sentenza, o TSXG conclúe que a única pretensión da empresa era paralizar as cubas, xa que iso obrigaría ao peche forzoso. Nesta liña, os maxistrados entenden que a oferta de expediente de regulación de emprego (ERE) que fixo Alcoa consistiría en "vestir o mesmo, pero dunha maneira diferente".

O TSXG tamén aprecia "sumamente significativo" o número de traballadores e traballadoras afectados polo ERE, cunha porcentaxe que se aproxima, sen superalo, a aquel que, segundo as normas regulatorias, lle permitirían a Alcoa consolidar as axudas recibidas das administracións públicas sen ter que devolvelas.

As e os encargados de ditar sentenza falan igualmente de “supostas concesións” realizadas pola multinacional durante o proceso de negociación coa representación das e dos operarios da factoría. Segundo indica o auto, estas tiveron lugar “coa finalidade de evitar a cualificación de nulidade do despedimento, única que lle impediría levar a cabo a decisión estratéxica de paralización das cubas e o feche da fábrica”.

Por iso, Alcoa deberá reincorporar ás e aos operarios afectados e pagarlles as mensualidades que deberían ter percibido desde a data de despedimento de cadaquén até a súa readmisión efectiva e oficial. No entanto, Alcoa agardaba á Xustiza e non enviara as cartas para prescindir do persoal.

A teoría do letrado da Xunta

Para o avogado que representaba ao Goberno, a estratexia pasaba por unha clausura parcial “cunha finalidade moi específica: que non foran máis do 85% das e dos traballadores”, o que implicaría ter que dar respostas sobre as axudas percibidas.

Cun 15% da produción era suficiente para non perder as subvencións de CO2, pero no caso de pasar o límite as liñas económicas terían que ser reintegradas e non habería opción a solicitar outras no futuro.

Os xuíces entenden que o ERE “non privaría á empresa da posibilidade de extinguir os contratos de traballo” unha vez acabara a “vixencia” das axudas. A idea, por tanto, era abandonar a fábrica pero da forma “máis rendíbel posíbel”.

A decisión tamén contempla que a Xunta advertiu até en dez ocasións de que o período de consultas do Expediente tiña que ser ampliado, pero a multinacional o fixo “sempre no último momento e con resistencias, argüindo empecinadamente o elevado custo de manter as cubras en funcionamento”.

Sen vontade real de vender

Por outra parte, a Xustiza sostén que se Alcoa quixo falar foi, non para discutir os termos do despedimento colectivo, "senón para deixar tempo para negociar a venda cun terceiro". "A pobreza das negociacións é tal que se limitou practicamente a dúas cuestións acerca das posibilidades reais da venda da planta de aluminio a un terceiro e os efectos da parada e rearranque das cubas de electrolisis", subliñan desde a sala.

A pesar desa referencia a unha posíbel venda, o auto comenta que os diálogos de firma con Liberty para o cambio de mans da fábrica  "permiten sospeitar da existencia dunha decisión estratéxica", dado que entenden que entrou na negociación "con posicións predeterminadas e un claro obstáculo para non chegar a un acordo final".

Reaccións sindicais

Após coñecerse a nova, o secretario xeral de Comisións Obreiras, Ramón Sarmiento, afirmou que “hoxe é un gran día para a clase traballadora galega”. Desde o seu punto de vista, con esta resolución queda demostrado que a compañía “obrou de mala fe e perseguindo intereses espureos”.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, entende que "é preciso iniciar xa o proceso para a intervención pública e impedir desta maneira que a empresa poida levar adiante o seu plan de desmantelamento pola vía dos feitos consumados".

Carril, que valorou a "capacidade de loita e resistencia" do cadro de empregadas e empregados, avisou de que canto máis se demoren as Administracións públicas na "necesaria expropiación máis corresponsábeis serán das decisións" de Alcoa no futuro inmediato.

 

Comentarios