Opinión

Tsunami

A palabra tsunami está moi presente na nosa historia recente, e a crise do coronavirus é escenario propicio para un novo protagonismo desas sete letras. Utilizámola para falar de economía, pero con frecuencia facémolo mal. Un tsunami non anega as árbores: várreas, arríncaas, esnaquízaas, atravésaas e redúceas á súa mínima expresión. Algo así acontece coas persoas.

A pobreza e a exclusión son sempre as vítimas do tsunami económico e das que menos se fala. E cando o facemos, non obtemos unha reacción máis alá de xestos de caridade por parte da xente que nunca sufrimos algo así na nosa vida. Non hai unha contraonda de solidariedade consistente en dar o que temos e non o que nos sobra, un concepto que Galeano repetiu ata a saciedade e que seguimos a escoitar como se fose unha sinfonía romántica.

Dende o cume da pirámide social non miramos nunca cara a abaixo para ver a onda brutal, e por iso non sabemos que un tsunami non se arranxa con pizzas a domicilio nin salvando de impostos as grandes fortunas.

A crise do coronavirus non nos afecta a todas da mesma maneira, como lembra Igaxes co balance do tsunami na man: seis de cada dez fogares en situación de pobreza onde viven menores viron agravada ou moi agravada a súa situación pola crise sanitaria. Só o 43% das nais e pais deses fogares conservan o traballo, fronte ao 74% de antes do estado de alarma. No caso da mocidade, a porcentaxe das que tiñan un emprego caeu máis de 12 puntos. No das mulleres entre 16 e 29 anos, o 84% están desempregadas. Sigan circulando. Malo será que mañá nos toque a nós.

Comentarios