Trump e a OMS, "un crime contra a humanidade"

A decisión de Donald Trump de suspender o financiamento da Organización Mundial da Saúde foi censurada por Gobernos e expertos de todo o mundo. Os seus críticos din que busca desviar a atención da súa xestión da crise do coronavirus. Porén, máis alá da política, a medida ten implicacións que afectan a saúde de numerosas persoas. 

7 April 2014. Khor Abeche: A nurse from the NGO World Vision provides polio vaccination given by the World Health Organization to displaced children in the UNAMID base in Khor Abeche, South Darfur. 
According to the community leaders, more than 3,000 Internally Displaced Persons (IDPs) still remain inside the Mission's compound, following the attack that they suffered by an armed group on March 22. About 300 heavily armed men attacked the IDP camp, setting fire to dozens of shelters and stealing livestock belonging to the residents. 
The World Food Programme (WFP) have already distributed food (sorghum) to the IDPs and the UNAMID base provide potable water and health care, while a team of 35 UNAMID engineers are currently constructing a 70,000 m2  Buffer Zone, with watch towers, solar lights, two community centers and latrines at the vicinity of the base, where the IDPs will be able to securely settle in the near future.  
Photo by Albert Gonzalez Farran, UNAMID
photo_camera A Organización Mundial da Saúde dedica case unha cuarta parte do seu orzamento a combater enfermidades no continente africano (un.org)

A finais de febreiro loaba a Organización Mundial da Saúde por "traballar duro e moi intelixentemente", e agora acúsaa dunha "grave mala xestión" e de "ocultar a propagación do coronavirus". A finais de febreiro, porén, Donald Trump vía o camiño expedito cara á reelección nas presidencias de novembro, e agora os Estados Unidos converteuse no país, de largo, con maior número de contaxios e de mortes por coronavirus.

Aínda que está na liña das políticas que propugna, contrarias ás institucións multilaterais, os seus críticos cren que é un movemento máis para arriar en banda. Para non asumir responsabilidades e manter as súas opcións de cara aos comicios do outono. 

Segundo unha recente enquisa da CNN, a sociedade estadounidense censura maioritariamente a xestión da crise por parte de Trump. Un 52%, catro puntos máis que hai un mes. Un dato na liña doutras sondaxes destes días. 

"Durante os últimos meses, Trump acusou en numerosas ocasións os medios, os gobernadores, os membros demócratas no Congreso e o ex presidente Barack Obama de ser responsábeis dos numerosos casos que saturan os hospitais", afirman no New York Times Michael D. Shear, correspondente na Casa Branca, e Donald G. McNeil Jr., xornalista especializado en pandemias do rotativo nun artigo conxunto.

Richard Horton, editor da prestixiosa revista científica The Lancet, publicaba no Twitter a súa opinión ao respecto: "A decisión do presidente Trump de retirar os fondos á OMS é simplemente isto: un crime contra a humanidade. Cada científico, cada traballador sanitario, cada cidadán debe resistir e rebelarse contra esta horríbel traizón á solidariedade global".

Tamén Bill Gates, fundador da Fundación Bill & Melinda Gates ─o segundo maior contribuínte da OMS despois do Goberno estadounidense─ manifestou que "suspender o financiamento da Organización Mundial da Saúde durante unha crise sanitaria mundial é tan perigoso como soa".

E Robert Redfield, director do Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades nos EUA ─designado para o posto polo propio Trump en 2018─ afirmou no programa This Morning, da canle de televisión CBS, que a OMS é "un gran socio", e preferiu non comentar como a afectará a retirada de fondos anunciada pola Casa Branca.

Un laboratorio de Wuhan

Malia as críticas xeneralizadas, tamén desde os Gobernos ─o xefe da diplomacia da Unión Europea, Josep Borrell, comentou no Twitter que "non hai razón que xustifique esta decisión"─, Trump teima na súa estratexia. 

Na cuarta feira (madrugada de onte na Galiza), ameazou con suspender a actividade parlamentaria culpando o Partido Demócrata da situación, unha medida sen precedentes.

Ademais, informou de que o seu Goberno está tratando de determinar se o novo coronavirus saíu dun laboratorio en Wuhan, a cidade chinesa epicentro do brote do SARS COV-2. Ao respecto, o seu secretario de Estado, Mike Pompeo, declarou que Beijing "necesita ser sincero" sobre o que realmente sabe. 

O Ministerio de Exteriores chinés negou onte as acusacións baseándose nas declaracións previas da OMS, que tamén desbotou esa posibilidade.

Polio, ébola, COVID-19...

A suspensión do financiamento desta axencia da ONU por parte dos EUA ten implicacións graves que van alén das estratexias políticas. No bienio 2018-19, dos 893 millóns de dólares que doou o país norteamericano, máis de 650 millóns foron parte das chamadas contribucións voluntarias (as que van máis alá das que lle corresponden como membro por tamaño e riqueza). É dicir, un diñeiro que foi directamente a financiar as actividades da OMS sobre o terreo, tal e como explica Mark Leon Goldberg, editor de UN Dispatch

Así, por exemplo, os EUA investiron máis de 158 millóns de dólares nos últimos dous anos na loita por erradicar a polio ou parálise infantil, unha enfermidade infecciosa que afecta o sistema nervioso. A contribución estadounidense e o traballo da OMS foron chave para erradicar case por completo do planeta esta doenza, endémica só no Paquistán e no Afganistán aínda que controlada.

O orzamento da OMS para o bienio actual, 2020-21, aprobado polos ministros de Saúde en maio de 2019, ascende a case 4.850 millóns de dólares, 9% máis que no anterior. Desta cantidade, mil millóns están reservados para África, onde a OMS combate actualmente unha dobre ameaza: a COVID-19 e un novo brote de ébola na República Democrática do Congo. África, o continente máis pobre do mundo e o que rexistra maiores niveis de mortalidade infantil por enfermidades evitábeis cunha vacina.

Comentarios