Trump intenta evitar a publicación dun libro con polémicas revelacións

Manifestacións sobre a China, Venezuela e outras cuestións recollidas polo ex asesor de seguridade nacional John Bolton e que o Goberno considera que son material clasificado.
EuropaPress_2339917_28_august_2019_ukraine_kiev_us_national_security_advisor_john_bolton_speaks
photo_camera O ex asesor de seguridade nacional con Donald Trump John Bolton (Ukrinform)

O Goberno de Donald Trump interpuxo nas últimas horas unha orde de urxencia coa que pretende que a xustiza dos EUA bloquee a publicación do libro do seu ex asesor de seguridade nacional John Bolton, co argumento de que contén material clasificado e que se estaría violando ademais un acordo de confidencialidade. 

O Departamento de Xustiza solicitou ao xuíz encargado do caso, Royce Lamberth, que tamén debe impedir a distribución por parte da editorial, Simon&Schuster, e das librerías.

O volume, titulado The room where it happened: a White House memory (A habitación onde sucedeu: unha memoria da Casa Branca), ten previsto saír do prelo o 23 de xuño

Polo seu lado, o avogado de Bolton, Charles Cooper, manifestou que o libro do cliente del non contén ningún material clasificado e que o ex asesor traballou co Consello de Seguridade Nacional desde decembro para examinar o manuscrito.

Afirmacións controvertidas

No manuscrito do libro obtido pola cadea de televisión CNN, Bolton relata que nunha reunión da Cimeira do G-20 en Osaka de 2019, Trump dirixiu a conversa cara ás eleccións estadounidenses, aludindo á  "capacidade económica da China para afectar as campañas en curso, rogando a Xi [Jinping, presidente chinés] que se asegurase de que [Trump] gañase".

Bolton tamén atribúe a Trump outra serie de afirmacións como, por exemplo, que tería afirmado que invadir Venezuela sería "xenial" (cool, na palabra orixinal) e que o país sudamericano é "en realidade, parte dos Estados Unidos".

Trump tamén tería manifestado a súa disposición a deter investigacións xudiciais para "facer favores persoais a ditadores dos que gosta".

Ademais, Bolton sinala que todas as accións tomadas por Trump estaban orientadas unicamente a lograr a reelección. 

Comentarios