Trump hipoteca a política exterior de Biden

Nos estertores do Goberno de Trump, medidas como a inclusión de Cuba entre "os Estados que apoian o terrorismo" colocan o presidente entrante nunha complicada situación. De feito, son decisións que se entenden como partidistas de cara a desgastar de inicio a Biden, tamén a respecto dunha UE nunca tan afastada antes de Washington.
EuropaPress_2436096_handout_21_october_2019_us_washington_dc_us_president_donald_trump_listens
photo_camera O presidente Donald Trump canda ao seu ministro de Exteriores, Mike Pompeo, nunha foto de arquivo (Foto: Tia Dufour / Casa Branca)

Unha das características da política do presidente dos EUA, Donald Trump, durante os seus catro anos de mandato foi desfacer todo o feito polo seu predecesor na Casa Branca, Barack Obama. En realidade foi unha das máis repetidas promesas da súa campaña en 2016. En concreto declarou que "cancelaría cada un dos decretos presidenciais, memorandos e ordes decretadas polo presidente Obama".

Así, durante a Administración Trump, leis como a de Atención Sanitaria a Prezo Accesíbel (máis coñecida como "Obamacare") ou a DACA, de protección aos inmigrantes chegados de crianzas aos EUA, os dreamers, estiveron na mira do presidente saínte, coa axuda de gobernadores e fiscais xerais a nivel estatal para impedir a súa aplicación cando os equilibrios parlamentarios ou o Supremo impediron a súa derrogación. 

A dinámica tamén se repetiu no eido da política internacional. Co "America First" ("Os EUA primeiro") por bandeira, Trump rompeu co consenso xeral entre Gobernos republicanos e demócratas posterior á Segunda Guerra Mundial de que o país debía xogar un papel activo nos asuntos internacionais.

Trump rompeu co multilateralismo e denigrou os organismos internacionais. En xuño de 2017 anunciou a retirada dos EUA do Acordo polo Clima de París, asinado por Obama en decembro de 2015. Tamén suspendeu en abril de 2019 a achega económica á OMS ante o que cualificou "grave mala xestión" e "ocultación da propagación do coronavirus".

E nesta última semana, xa nos estertores do seu mandato e tras os graves incidentes protagonizados polos seus seguidores no asalto ao Capitolio, volveu incluír Cuba entre os "Estados patrocinadores do terrorismo", logo de a illa ser retirada desta lista negra por Obama en 2015. 

Irán

Tamén propuxo a designación do movemento rebelde Houthi, no Iemen, como "organización terrorista", unha decisión que de ser aprobada no Congreso o 19 de xaneiro, un día antes da toma de posesión de Biden, porá o novo presidente na tesitura de decidir se manter a clasificación do movemento, aliado do Irán, ou apoiar a Arabia Saudí, país socio dos EUA ao que foi dirixida esta última chiscadela de Trump.

As hostilidades co Irán foron unha constante tras os avances logrados con anterioridade. O 14 de xullo de 2015 asinouse o Acordo nuclear, considerado un dos pactos diplomáticos máis importantes do último século e que foi celebrado amplamente nas rúas de Teherán tras anos de bloqueo. Porén, en maio de 2018 Trump decidía retirar os EUA do acordo e impor novas sancións económicas ao Irán. Arabia Saudí, de novo, e Israel presionaron neste sentido.

Nas últimas horas, a acusación do secretario de Estado dos EUA, Mike Pompeo, de que o Irán tiña ligazóns con Al Qaeda foron cualificadas de "mentiras belicistas" por Teherán. "Non enganan a ninguén. Todos os terroristas do 11-S procedían do destino favorito do secretario Pompeo en Oriente Próximo; ningún do Irán", apuntou en Twitter o seu homólogo iraniano, Mohammad Yavad Zarif, en referencia a Arabia Saudí.

UE

Ademais, a respecto das relacións transatlánticas, os últimos catro anos de Trump na Casa Branca provocaron un afastamento da UE, que foi virando paseniñamente cara á China. Tamén aquí Biden entrará cunha importante hipoteca sobre as costas. O pasado 30 de decembro, Bruxelas e Beijing asinaban un importante acordo comercial malia as solicitudes por parte do equipo do presidente electo de agardar a dar ese paso até aterrar na Casa Branca. 

O impacto na opinión pública europea que tivo o asalto ao Capitolio provocou que mesmo os seus máis fieis aliados a este lado do Atlántico se afastasen de Trump. Nas últimas horas, segundo informou Reuters, o secretario de Estado estadounidense, Mike Pompeo, cancelou no último minuto a visita prevista a Europa despois de que o ministro de Exteriores de Luxemburgo, Jean Asselborn, e altos cargos da UE rexeitasen reunirse con el. A viaxe tamén incluía unha reunión co secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg.

"Trump é un criminal, un pirómano político que debería ser levado ante un tribunal. É unha persoa elixida democraticamente,  mais que non está interesada na democracia nin o máis mínimo", afirmou o ministro Asselborn nunha entrevista en RTL Radio, onde tamén sostivo que "o 6 de xaneiro de 2021 foi un 11-S contra a propia democracia, e Trump foi quen o alentou". 

Sheldon Adelson, o magnate de Las Vegas detrás das políticas de Trump en Oriente Próximo

O 22 de outubro de 2013, o multimillonario estadounidense de orixe xudía e magnate dos casinos en Las Vegas, Sheldon Adelson (na imaxe, coa muller del), avogaba nun foro de debate en Nova York por deixar caer a bomba atómica no centro de Teherán.

Sionista, de extrema dereita e amigo do primeiro ministro israelí, Benjamin Netanyahu, a quen apoiou a través do seu diario, Israel Hayom, foi un dos principais mecenas das campañas electorais de Donald Trump. O libro do xornalista Michael Wolff Fire and Fury (2018) sobre as entrañas da Casa Branca recolle que foi Adelson quen deu o visto bo ao traslado da embaixada dos EUA de Tel Aviv a Xerusalén en maio de 2018. 

Aquelas palabras de Adelson ─falecido na madrugada da pasada terza feira─ pedindo bombardear Teherán chegaron ao Irán: segundo o documental The Perfect Weapon (2020), pouco despois os seus casinos foron obxecto dun ciberataque por parte do Goberno iraniano que lle provocaron perdas millonarias.

Comentarios