'Trote' e 'A sombra da lei' obteñen 30 candidaturas nos Mestre Mateo

Trote, de Xacio Baños, e A sombra da lei, de Dani de la Torre, son as gañadoras da previa dos premios Mestre Mateo: cada un dos filmes suma 15 candidaturas. Son dous filmes de vocación e filosofía diferente, pero erixénse desde xa e até a gala do vindeiro 2 de marzo nas favoritas.
 

finalistas Mestre Mateo
photo_camera Nieves Rodríguez e Adrián Díaz len os finalistas dos Mestre Mateo esta quinta feira na Coruña. Foto: Aigi Boga.

As votacións dos académicos e académicas do audiovisual galego situaron, a certa distancia dos filmes de Baños e De la Torre, O sabor das margaridas -con oito nominacións-, e Contou Rosalía -con sete.

Trote, un filme de silencios e mirada demorada, opta aos principais galardóns: o de mellor longametraxe, mellor dirección ou mellor guión. A sombra da lei, obra de época e suspense, compite na mellor longa e dirección.

Vinte e cinco categorías estruturan os principais premios do audiovisual galego. Máis alá das categorías cinematográficas, pelexan pola distinción ao mellor programa de televisión Buscadores de naufraxios, Land Rober Tunai Show, Malo Será! e Zig Zag Fin de semana. María Solar, Marta Doviro, Roberto Vilar e Rodrigo Vázquez, pola de mellor comunicador.

Á mellor serie candidátanse O sabor das margaridas, Os Mariachi, Serramoura e Viradeira. E en documentarios, os finalistas son Idénticas, O caso Diana Quer 500 días, Tódalas mulleres que coñezo e Versogramas.

Unha de entre Rosa Álvarez por Sea Bests, María Vázquez por Trote, Melania Cruz por Contou Rosalía, e Michelle Jenner por A sombra da Lei, levará o galardón á mellor intepretación feminina protagonista. Na masculina, os candidatos son Antonio Durán, Morris por Os Mariachis, Luís Tosar por A sombra da lei, Toni Salgado por O sabor das margaridas e Xosé A. Touriñán por Land Rober Tunai Show.

A entrega dos premios Mestre Mateo, na súa edición número 17, será o 2 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. A lista completa das nominadas pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.academiagalegadoaudiovisual.gal/wp-content/uploads/2019/02/Finalistas_web.pdf

Comentarios