24ª edición até o 11 de maio

Unha trintena de espectáculos na Mostra de Teatro Universitario de Ourense

O teatro anega Ourense esta primavera. Até o 11 de maio, unha trintena de espectáculos galegos, portugueses, cataláns ou de diferentes países de Sudamérica salfiren a cidade. É a 24ª edición da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (Miteu).
 

garnatia
photo_camera Imaxe de 'Garnatia', a obra da Aula de Teatro de Granda. Foto: Miteu.

Esta segunda feira, 29 de abril, ás oito e media do serán no Teatro Principal, a Aula de Teatro de Granada representará Garnatia. O 30 de abril, á mesma hora e no mesmo lugar, a Aula de Teatro da Universidade de Compostela fará o propio con A muller que tiña medo e marchou vivir ao Carrefour. Unha hora máis tarde no Auditorio Municipal, a compañía portuguesa Armazém Aério amosará A pele que há en mim.

O Primeiro de Maio haberá programa triple. A Compañía de Teatro da USC (Lugo) comezará, ás sete e media no Auditorio Municipal, con Casa de ilusións. No Principal, ás oito, será a quenda dos navarros Teatro de la UPNA, con Algún amor que no mate. Os de Lugo repiten no Principal ás nove e media da noite.

A Aula de Teatro de Murcia protagonizará a quinta feira, 2 de maio, con Habitación 101 (uno, nueve, ocho, cuatro), ás oito e media no Teatro Principal. O 3 de maio, programa dobre: La pequeña victoria cen de Castela e León representa Gigante ás oito e media no Principal; ás nove e media, no Auditorio Municipal, haberá o noveno Encontro de Danza Interuniversitaria.

O sábado 4 de maio haberá teatro catalán: Teatre de Pas, da Universidade de Lleida, interpretan El pueblo escogido, ás sete da tarde na sala Pardo Bazán do Campus. Concerto con fusión, da compañía galega Psícore, será a obra das oito e media no Auditorio Municipal. Tamén no Auditorio Municipal, ás sete do domingo 5 de maio, a Aula de Teatro Infantil de Ourense Geppetto representará Aprendiz de bruxa. E á oito e media no Principal, a Aula de Teatro da Universiade de Vigo faráo con Círculo.

O resto do programa da Miteu pode consultarse nesta ligazón. O festival naceu en 1994, impulsado pola Aula de Teatro Universitario de Ourense. Pretende “potenciar o intercambio artístico e humano entre grupos galegos e grupos da Península Ibérica ou de fóra dela”. Cada función finaliza cun coloquio dos artistas co público asistente.

Comentarios