Trinta e dous espectáculos optan aos premio de teatro María Casares

A gran gala do teatro galego será o vindeiro 21 de marzo no Teatro Rosalía da Coruña. Trinta e dous espectáculos e máis de 300 profesionais optan aos premios de teatro María Casares que, organizados pola Asociación de Actores e Actrices de Galiza, atinxen a súa edición número 23.
 

gala maría casares 2018
photo_camera Imaxe da gala dos María Casares de 2018. Foto: AAAG.

450 persoas involucradas no sector das artes dramáticas votarán na primeira rolda, que comezou o 22 de xaneiro e rematará o 11 de febreiro. Ademais dos socios da asociación, de caráctern sindical, participarán tamén “resonsábeis de xestión e programación cultural, xornalistas, críticos e finalistas de edicións anteriores”.

Deste proceso emerxerán as finalistas das 14 categorías dos María Casares: maquillaxes, vestiario, iluminación, escenografía, música orixinal, texto orixinal, adaptación-tradución, actor secundario, actriz secundaria, actor protagonista, actriz protagonista, dirección, espectáculo e espectáculo infantil.

Os galardóns María Casares procuran, segundo a organización promotora, “recoñecer o traballo realizado polos diferentes oficios do sector na súa totalidade. Dende a súa creación convertéronse no grande escaparate do teatro feito en Galiza e visibiliza o labor desenvolvido polos seus traballadores”.

Comentarios