Juventino Trigo, ante a reactivación da censura

“Independentemente do que diga a xuíza, os concelleiros de Somos Fene son tránsfugas”

Unha resolución do xulgado contencioso número 1 de Ferrol obriga a realizar a moción de censura contra o alcalde de Fene -suspendida no seu día por unha decisión da Mesa de Idade do concello- esta próxima sexta feira. O alcalde, Juventino Trigo (BNG), considera que o auto xudicial “non se axusta a dereito pola súa escasa consistencia legal”.

IMG-20180403-WA0004
photo_camera Un momento da conferencia de imprensa

A moción de censura embarrancou o pasado 26 de outubro ao asumir a Mesa de Idade do Concello que os concelleiros de Somos Fene eran tránsfugas e que, por tanto, e en virtude da lei anti-transfuguismo, estaban inhabilitados para participar na votación que pretendía desprazar da alcaldía Juventino Trigo para colocar no seu canto o concelleiro do PP Gumersino Galego.

A Mesa da Idade constituíuse coa concelleira de maior idade e coa de menor. Non houbo acordo entre elas sobre se se debía considerar ou non como tránsfugas os concelleiros de SM -dado que de forma cautelar a xuíz lles restituíra os seus dereitos como edís-. Acabou decidindo o voto de calidade da de maior idade, que resultou ser unha concelleira do BNG. 

Esta decisión da Mesa de Idade foi recorrida por vía contencioso-administrativa e o xulgado número 1 de Ferrol resolveu anulala e obrigar o concello a voltar a convocar a moción. O alcalde convocouna para esta sexta feira ás 12 horas.

A censura contaba co apoio dos 7 edís do PP e dos 2 de Somos Fene. Estes foron previamente expulsos pola candidatura municipalista coa que concorreron ás eleccións de maio de 2015 ao temer que, como finalmente fixeron, acabarían pactando coa formación conservadora para derrubar o goberno de Trigo, un bipartito composto polo BNG (4 edís) e EU (1).

Trigo compareceu esta terza feira en conferencia de imprensa. Asegurou que “existen razóns obxectivas” para que os pronunciamentos do auto do Xulgado Contencioso-Administrativo número 1 de Ferrol que obriga a reanudar o pleno da moción de censura “sexan distintos dos notificados ao Concello”. O rexedor nacionalista insistiu no acatamento das resolucións xudiciais, mais “facendo uso da liberdade de opinar sobre as mesmas” considera que o ditame, que non é firme, lembrou, “non se axusta a dereito pola súa escasa consistencia legal” e que o seu contido  “podería interpretarse como unha manobra de apuntalemento xudicial da moción de censura” paralizada o pasado mes de outubro. 

Arroupado polo responsábel de Organización do BNG, Bieito Lobeira, e por membros do Consello Comarcal de Ferrolterra, Trigo explicou que “non se dan as garantías democráticas suficientes para avalar as pretensións de Somos Fene de ser grupo político de seu e, en consecuencia, soster a potestade para apoiar a moción de censura”. Así, engadiu que “independentemente do que diga a xuíza, para nós Rodríguez Bastida e César Castro son tránsfugas desde o momento en que traizoaron a confianza do seu electorado e de que o partido co que concorreron ás eleccións, Participación Democrática Directa de Galicia, lles retirou formalmente a súa representatividade”. “Este feito –puntualizou-, en base á xurisprudencia existente até hoxe, debería ser suficiente para ratificar a súa condición de concelleiros non adscritos, é dicir, como tránsfugas que son”.

Bieito Lobeira quixo expresar o seu apoio á concelleira Mariela Aguilar, que recentemente foi obxecto de ameazas en cartaces colocados na contorna da súa vivenda

O responsábel de Organización do BNG quixo expresar o seu apoio á concelleira Mariela Aguilar, que recentemente foi obxecto de ameazas en cartaces colocados na contorna da súa vivenda, e criticou que o Partido Popular pretenda “acceder á Alcaldía de Fene co apoio de tránsfugas e coa axuda dun aparello xudicial que non resiste unha lectura minimamente rigorosa en canto ao seu procedemento”.  Para Lobeira, a actuación xudicial “reviste para nós unha extrema gravidade porque establece unha auténtica lei da selva no ámbito municipal ao converter en papel mollado a lexislación en vigor en  materia anti-transfuguista, e normalizar e legalizar a corrupción e o transfuguismo no ámbito municipal”. Ademais, asegurou que “neste momento Fene é o laboratorio dunha operación política de normalización e de legalización do transfuguismo que vai alén deste caso concreto”. 

O alcalde de Fene aproveitou para entrar a valorar “a cuestión de fondo” do asunto. “O PP e os concelleiros expulsados do PDdeG deberían explicarlle á veciñanza a cambio de que contrapartidas ocultas se fraguou o acordo entre estes partidos para sacar adiante unha moción de censura”. Así, recalcou que “do PP cabe agardar calquera cousa”, pois “o nivel de corruptelas que salpican o partido en todos os sitios e o seu desmedido interese por acceder ao poder non debe de extrañarlle a ninguén”, nin que o faga “a costa do que sexa e de quen sexa, neste caso coa muleta de Somos Fene”. 

En canto aos concelleiros de Somos Fene expulsados de PDDdeG, convidounos a “dar as explicacións á cidadanía, especialmente aos seus votantes”, xa que “non se podería entender que os que viñan para mudalo todo, para cambiar a política, os que recolleron a ilusión de moita xente, agora se tiren nos brazos da dereita máis rancia para que todo volva ser coma antes”. Juventino Trigo ampliou as críticas ao PSdeG, nomedamente ao seu portavoz, Antón Noceda, por considerar que ten “boa parte de culpa de que prospere esta moción”. “Primeiro”, dixo, “foi moi desleal co pacto de goberno subscrito en 2015 e logo obstaculizou a xestión municipal cunha oposición feroz e infundada, motivada máis por personalismo e ego que por razóns obxectivas”. 

Trigo manifestou que á espera do que aconteza a sexta feira, o bipartito BNG-EU “traballa con normalidade e tranquilidade”, sacando adiante proxectos demandados pola cidadanía fenesa e logo de ter saneada a economía da institución que preside. Ademais, pediulle á veciñanza que de cara á celebración do pleno, “manteña a calma, non se deixe provocar a asuma con normalidade democrática o seu resultado final”. “Estamos”, rematou, “a un ano de que se celebren eleccións municipais e será daquela cando o pobo xulgue e poña a cadaquén no lugar que lle corresponde”. 

Comentarios