A “tribo” de Manuel María festexa o escritor no Convivio da Cultura Galega 

No centro da súa “Tribo”, na Casa Museo de Outeiro de Rei conmemórase por vez primeira a Manuel María desde que a Academia decidiu dedicarlle as Letras Galegas do 2016. A cultura de base xúntase este sábado día 11 de xullo no II Convivio da Cultura Galega no que as asociacións decidirán algunhas iniciativas para o vindeiro ano. 

convivio

A xuntanza estaba prevista desde o pasado ano, mais, sobre a marcha, as previsións mudaron. As asociacións culturais xúntanse por segundo ano consecutivo na Casa Museo de Manuel María no Convivio da Cultura Galega que, desta volta, tamén se aproveitará para conmemorar ao autor e tomar as primeiras decisións sobre as homenaxes que, de cara ao ano que vén, se lle tributará desde a base da cultura coa que el colaborou con tanta intensidade. 

“Que sexan as asociacións culturais as que lle rendan esta primeira homenaxe na súa casa é, ao meu  ver, moi interesante e satisfactorio para nós. Manuel sempre estivo arredor da cultura de base. Participaba en calquera acto ao que fora chamado, en especial, para reivindicar a cultura e o  idioma”, valora Lucía Carreira, presidenta da Asociación Cultural e Musical Solfa de Compostela, entidade que, canda a Federación Galiza Cultura e máis a propia Fundación Manuel María de Estudos Galegos organizan o encontro. 

Como o pasado ano, no medio do programa de actividades da xornada desenvolverase unha xuntanza aberta con representantes das asociacións culturais que, desta volta, terá tamén novos contidos. “En Outeiro de Rei, nesa xuntanza, daremos un dos primeiros pasos para preparar toda a programación que as asociacións desenvolveremos de cara ao ano que vén arredor da figura de Manuel. Queremos aproveitar o ano para mostrar o relevante que foi e a importancia da súa obra e do seu compromiso pola nosa cultura e a nosa lingua”, explica a presidenta de Solfa ao tempo que defende a “absoluta actualidade” da obra do escritor, en especial cando trata temas como a emigración, a lingua, a capacidade de decisión do país ou os distintos dereitos nacionais. 

“En Outeiro de Rei, nesa xuntanza, daremos un dos primeiros pasos para preparar toda a programación que as asociacións desenvolveremos de cara ao ano que vén arredor da figura de Manuel"

Primeiros pasos para programar o ano

A organización ten vontade de que a fin de semana despois da romaría na Carballeira de Santa Isabel -data na que a Academia anunciou que o Día das Letras2016 se lle dedicaría a Manuel María- quede marcada de maneira permanente no calendario como data do Convivio da Cultura Galega. “Queremos que nesa data, todos os anos, arredor da súa casa se poda reivindicar a súa figura e a súa obra e levar tamén o noso traballo a esta xuntanza que é tamén festa e encontro”, apunta Lucía Carreira. 

Na presentación do programa falan así do Convivio como unha data para se xuntar “ao abeiro de Manuel María e no epicentro da súa “Tribo” e dos seus mil camiños” os colectivos e agrupacións que traballan pola cultura galega “de base e popular” á que tanto contribuíu o escritor. 

Xornada de cultura e encontros

O programa desta nova edición comezará por volta das 11.15 horas na horta da Casa Museo coa primeira interpretación da banda de Rábade-Begonte e da Escola Municipal de Música de Rianxo Após a ofrenda no cemiterio de Outeiro, o Convivio trasladarase á Carballeira da Santa Isabel -tan querida e referenciada polo escritor- onde continuarán distintas actuacións musical até as 14.30 na que se terá lugar o xantar popular, á maneira das antigas romarías. Alén das distintas interpretacións das tres bandas participantes, na xornada musical de mañá pecharase coa interpretación conxunta da “Alborada a Manuel María” de Carlos Serán a cargo das bandas da agrupación Solfa de Santiago, a de Rábade-Begonte e da Escola Municipal de Música de Rianxo. 

Ás 17 horas iniciarase o encontro aberto coas directivas das asociacións culturais participantes nas que, segundo sinalan, se adiantarán algunhas decisións para botar a andar o traballo de cara á conmemoración do vindeiro ano e as propostas de traballo conxuntas. Unha foliada animada por Xurxo Souto convidará a participar a grupos de música e baile tradicional e a quen se anime a tocar algún instrumento, cantar ou bailar. Para participar na foliada convidan a comunicalo no correo [email protected]. Desde A Coruña, Ferrol e Compostela haberá buses gratuítos mais compre reservar praza no 698177621. 

Comentarios