Helena González propón unha antoloxía feminista da poeta

O “triángulo de furias” de Rosalía de Castro

“Isto non é outra escolma. É un reto. O reto de leres como feminista a poesía rosaliana”. Con esta contundencia abre a profesora Helena González Fernández (Vigo, 1967) o limiar a Rosalía feminista, a escolma de poemas de Rosalía de Castro que vén de elaborar para Edicións Xerais. “Deberás disporte a ler desde o 'triángulo de furias”, advirte ao lector.
 

Rosalia-Sellier
photo_camera Rosalía de Castro no famoso retrato de Sellier.

Esta figura, o triángulo de furias, débella a outra poeta, Ana Romaní. E implica achegarse á poesía de Rosalía de Castro a partir de tres ángulos: “A reivindicación das mulleres; a meniña gaiteira que tatexa palabras inaugurais dunha nación non prevista; e a ira contra a precariedade, a compaixón polas persoas inocentes e tristes, a certeza da vulnerabilidade”.

rosalía feminista

Rosalía feminista recolle 66 e poemas procedentes de Cantares Gallegos (1863), Follas Novas (1880) e En las orillas del Sar (1884) e mais o Lieders. A antóloga optou “deliberadamente por romper a secuencialidade dos libros orixinais para definir mellor as figuras rosalianas deste triángulo de furias”. E por organizar os textos en seis partes: Daquela que falan; Abdicar de min. As lañas do amor romántico; Vidas precarias; Soas, sen amor, sen amo; Viúvas de vivos: nunca máis agardar; e Se podes bailar, é a túa revolución.

“A escolma propón un percorrido narrativo a través das figuras femininas, en plural”, explica Helena González no prólogo, titulado Figuras para un triángulo de furias, “algunhas perfílanse pola idade, outras polas súas relacións, as máis delas pola súa condición vital e emocional”. Non faltan algúns dos seus poemas máis emblemáticos, por caso Campanas de Bastabales, Castellanos de Castilla ou A xusticia pola man.

González relaciona a pegada autorial de Rosalía de Castro coa de contemporáneas como a revolucionaria xirondina Manon Roland, a pensadora Mary Wollstonecraft ou a escritora George Sand. “ela falaba desde a experiencia propia e a das iguais, mollando a pluma no seu sangue”, escribe a profesora, quen tamén menciona algunhas ensaístas feministas sobre as que apoiou a súa lectura: Eva Illouz, Judith Butler ou Hélène Cixous.

“Ler como feminista é recoñecer o poder da lectura ceiba e responsable co seu tempo”, sinala González Fernández, docente na Universidade de Barcelona, quen avisa a quen se achegue a este Rosalía feminista: “Se a proposta non che presta, pecha o libro. Podes manterte a base da dieta tradicional: calquera das Rosalías de sempre”.

Comentarios