Tres Rosalías

Con motivo do Día de Rosalía de Castro, que se celebra o 24 de febreiro, descubrimos o simbolismo que aniña en tres imaxes icónicas: velaí a "santiña", a líder dun pobo e a muller intelectual. Velaí a fotografía de Luís Sellier, o debuxo de Antonio Portela e o óleo pintado por Modesto Brocos. Hai moitas visións, moitas imaxes dela, pero estas son as tres Rosalías que hai. 
Tres rosalías
photo_camera De esquerda a dereita: a Rosalía de Sellier (Real Academia Galega), a Rosalía de Portela (Fundación Rosalía de Castro), a Rosalía de Brocos (Deputación da Coruña).

O retrato de Luís Sellier é a única fotografía da madurez, cando menos a única que conservamos. Pois velaquí tamén a foto oficial, non só por ser a que o propio Murguía chanta nas obras completas da escritora, editadas en Madrid a partir de 1909, senón porque é unha fotografía que a propia Rosalía agasalla a amigos e admiradores. Velaquí a idea dunha muller modesta, humilde, toda dozura e amabilidade e, como todo retrato, contou co consentimento da retratada para compoñer unha pose que transmite esa idea da muller perfecta para a sociedade patriarcal do século XIX. Nada que ver con aquela Rosalía que escribe e publica tres manifestos feministas... Porque Rosalía e Murguía non querían asustar máis do necesario, querían escribir e vender a súa obra. A fotografía non deixa de ser tamén outra captatio benevolentiae, un recurso para predispoñer o público no seu favor, como o que a escritora utiliza nos limiares a Cantares gallegos e Follas novas, como sinala o profesor Anxo Angueira.

Porque a clave do retrato de Sellier é a cabeza ladeada. Cando redactaba estas liñas lembrei unha chiscadela que faciamos en Pontedeume cando rapaces. Deitábamos a cabeza e preguntábamos: "Quen son?" Don Pedro, dicían todos decontado. Don Pedro Casteleiro era o severo crego da parroquia que nas misas e procesións compoñía sempre unha estampa de impostada humildade.

É Darwin, no seu libro As emocións no home e nos animais, 1872, quen relaciona o aceno de baixar a cabeza para indicar afirmación co feito de parecer máis baixo, é dicir, non ameazante e, daquela, mostrarse submiso ante os demais.

A Rosalía de Sellier condicionou tamén a recepción da obra da escritora, como evidencia Azorín

O aceno de deitar a cabeza estaba xa codificado na tradición pictórica  occidental do retrato. Un grupo de profesores italianos publicou un estudo que analiza retratos entre o século XIII e o XIX, concluíndo que onde máis cabezas deitadas aparecen é nos retratos dos relixiosos e nos das mulleres.

Para rematar é moi ilustrativo visitar un blog popular de autoaxuda e ler os comentarios sobre a linguaxe corporal: "Ladear a cabeza é nunha muller o signo máis inequívoco de rendición, de afecto sincero, de interese, de querer interesar".

Este retrato de Rosalía condicionou tamén a recepción da súa obra. En el gesto, en la inclinación de la cabeza, Azorín viu "un sentimiento suave, de resignación y conformidad con el espectáculo del mundo...". –véxase "Rosalía de Castro", ABC, 18 de xaneiro de 1914−. Velaí a Rosalía da melancolía, a chorona, a nai agarimosa, a santiña.

É quizais nun día de 1872 cando Rosalía bota a andar desde a súa casa da rúa do Príncipe da Coruña e nalgún lugar da Pescaría entra na Fotografía de París. Luís Sellier indícalle a pose que cre máis axeitada, ela debe manter o aceno uns segundos, e mentres o fotógrafo descobre o obxectivo da cámara para a toma, a muller lembra aquela carta que lle escribira ao seu marido −16 de decembro de 1861−: "Si yo fuese hombre, saldría en este momento y me dirigiría a un monte, pues el día está soberbio; tengo, sin embargo, que permanecer en mi gran salón, sea!".

A Rosalía de Portela

Pero aqueles galegos que non debían nin querían chamarse españois, concibiron outra Rosalía. Velaí o poeta Alberto García Ferreiro nas páxinas de La Patria Gallega anunciando xa outra muller en 1891: "Cantora que altiva / coa branca bandeira / da nosa Galicia / risoña e trunfante / na vanguardea iba". Once anos despois, en 1902, xorde a Rosalía de Antonio Portela (18651927), como ben descubriu Lois Rodríguez. Resultou que non era unha fotografía, como moitos supoñían, senón unha idealización moi ben trabada por un fotógrafo e debuxante, discípulo de Sellier e de Isidoro Brocos. Portela constrúe deliberadamente un auténtico ideograma. Mantén os trazos fundamentais do retrato tirado por Sellier pero realiza nas faccións da escritora unha verdadeira operación de cirurxía estética, logrando unha face máis atractiva. Ademais Portela viste a escritora con gabán masculino. Imaxinamos a Rosalía de Sellier sentada, a de Portela está de pé. Velaí unha Rosalía erguida, "risoña e trunfante" como quería o poeta. Na imaxe aparece ladeada, pero non é a cabeza que se abaixa, non hai submisión, é todo o corpo o que se inclina para reforzar o parecido coa fotografía tirada por Sellier. O acabado esvaído imita tamén a fasquía das fotografías. É probabelmente un debuxo ao carbón, pero non se sabe, a peza orixinal, realizada para o Centro Galego de Madrid, perdeuse. Coñecida só por reproducións en branco e negro, creouse a confusión e chegou a considerarse unha fotografía, a vera icona da nosa escritora. A convicción forma parte da expresión e desde logo Antonio Portela é un convencido "rexionalista". A súa Rosalía é a líder dun pobo. Esta é a fonte para a ilustración do selo español de 1968, do billete de 500 pesetas de 1979 ou mesmo do doodle de Google no aniversario do nacemento da escritora, en 2015. A Rosalía de Portela foi popularizada pola impresión do retrato nas Obras completas editadas por Victoriano García  Martí en Aguilar, desde a primeira edición de 1944 até a actualidade.

A Rosalía de Brocos

Velaí o cadro que se pode ver hoxe na Casa de Rosalía, cedido pola Deputación da Coruña, unha obra aínda pouco coñecida. Só cando Gala –a derradeira filla viva de Rosalía– enferma e as visitas se achegan ao seu leito, na súa casa da rúa de San Agostiño da Coruña, o cadro aparece á vista do público. Así o conta Juan Naya Pérez en "El final de una estirpe...". De seguro que aquel cadro non foi do agrado da familia e por este motivo non se pendurou na sala de estar desta morada.

É o único cadro  para o que Rosalía posa. Cóntao o propio Modesto Brocos (1852-1936), quen di que en 1880 se despraza ás Torres de Hermida de Lestrobe onde mora Rosalía. Non é unha encomenda, Brocos quere pintar a súa amiga, á que admira, que é unha escritoria galega recoñecida.

O artista ten xa a habelencia, a experiencia e o coñecemento para retratar a escritora e para ela elixe unha pose case idéntica á dos seus catro autorretratos. Non pinta unha muller convencional, pinta unha igual. No encadre en tres cuartos, o artista recolle toda a fisionomía da modelo, non quere edulcorar as súas faccións, Modesto practica o realismo. A escritora olla directamente o observador e aparece serena e segura de si, recha pero non arisca. Mesmo así esta non é a muller que Murguía cre que debe proxectar para que a escritora sexa querida. Non é altiva, nin arrogante, pero tampouco é unha doce e plácida dona. É o retrato dunha muller intelectual galega. Teño para min que esta vai ser a Rosalía do porvir, pero tal como o Falcón maltés aquel, todas tres Rosalías son da materia da que están feitos os soños.

Comentarios