Tres maneiras de vivir da banda deseñada

Son creadores de longa e sólida traxectoria e idearon proxectos para vivir da banda deseñada. Kiko da Silva coa escola de banda deseñada O Garaxe Hermético en Pontevedra, Fausto Isorna con El Patito Editorial en Compostela e Manel Cráneo á cabeza de Demo Editorial na Coruña mostran tres proxectos nacidos do cómic.

 Vinte anos leva Fausto Isorna dedicado á historieta e á ilustración. Da súa man naceron numerosos proxectos creativos e editoriais, o máis acariñado, sen dúbida, o Golfiño, tanto a revista como a personaxe. Tratábase dunha publicación singular, con dirección artística, e moi persoal na que cada autor desenvolvía a súa historia mais sempre cunha liña editorial. El Patito Editorial naceu, dalgunha maneira, da man de Golfiño. O primeiro título publicado foi, precisamente, o volume coas portadas da revista que viu a luz no 2007. Desde entón, o proxecto evolucionou e desenvolveuse e cinco anos despois teñen varias coleccións abertas, organizan exposicións e teñen en carteira liñas de traballo variadas, desde documentais até venda de orixinais dos debuxantes.

Dos seus inicios como debuxante até esta nova fórmula que o converte en editor, Fausto Isorna non ve ningunha fenda. “Deuse unha continuidade. Desde os inicios como debuxante interesoume o deseño editorial e traballei con moitos selos así que montar este proxecto foi unha evolución case natural” afirma Isorna que está á fronte de El Patito Editorial xunto coa súa compañeira Genma Sesar, os dous cos papeis claros, el produtor e ela directora editorial.

Editan só o que lles semella de calidade, o que se adapta aos seus criterios desde o punto de vista profesional. O seu lema é “libros de luxo ao alcance de todo o mundo”. Como autor que foi, marca da casa é, ao seu dicir, “cumprir escrupulosamente cos autores, pagar os dereitos, poño por caso, xa que fun cociñeiro antes que freire. Somos unha empresa real, con todo o que iso significa”. Traballan para lectores xerais, non para un público especializado, como adoita acontecer no mundo editorial relacionado coa banda deseñada e distribúen no mercado galego e no estatal, xa que moitos dos títulos saen publicados en galego e español.

Publicar a Miguelanxo Prado, un fito editorial

“O que é interesante na nosa iniciativa é, como ten dito Miguelanxo Prado, que había creación mais non editoriais para a historieta. O cómic quedaba relegado a unha segunda clase e nós quixemos converternos nunha empresa, co que iso supón, e non nunha asociación que edita libros” explica arredor da súa editorial que ten como un dos principais proxectos estrela precisamente a publicación da obra completa de Miguelanxo Prado, un fito tanto na historia da banda deseñada como no mundo editorial. Catro títulos levan publicados do artista e director de “Viñetas do Atlántico”, o último deles, Trazos de Xiz, un volume que foi moi ben recibido polos lectores e que por vez primeira se publicaba en galego. Antes de fin de ano acadarán outro grande suceso editorial: publicar a nova e agardada obra de Prado en galego ao tempo que outras linguas.

Para Fausto Isorna, que ninguén se atrevese a editar a Miguel Anxo Prado fala moita da consideración da banda deseñada. “Trátase dun dos autores galegos máis traducidos e, por riba, vende! Comercialmente é unha aposta real” afirma o editor e debuxante. Ao seu ver, El Patito Editorial, ten, asemade, un privilexio: son os únicos que editan ao galego na súa versión orixinal, o texto tal e como sae do autor. A saída de Ardalén, o novo título do autor previsto para antes do Nadal, será todo un acontecemento para a editorial de Compostela.

Outro dos fitos de El Patito está a ser a publicación dos libros de viaxes de Sasek, unha colección para todos os públicos que é xa un clásico da ilustración e que nos achega a distintas cidades con debuxos imaxinativos e de grande calidade. Genma Sesar conseguiu os dereitos de Sasek na Feira de Bolonia, en dura pugna con outros selos no que só a súa persistencia fixo que se conseguira a xestión da obra para unha editorial tan pequena. “Sasek, dalgún xeito, axúdanos a ser visíbeis nas librarías e darnos a coñecer diante dun público que, maiormente, non só é o lector especializado de historietas” comenta Fausto Isorna. A obra de Rosalía de Castro Ilustrada ou a exposición e publicación de Compostela Iconográfica son outras das iniciativas recentes da editorial. A dimensión do proxecto de Fausto e Genma pódese coñecer a través da súa páxina web. 

Un Garaxe na Pontevedra das Belas Artes

En Pontevedra, a cidade na que vive desde hai catorce anos, vén de inaugurar o debuxante Kiko da Silva un proxecto singular e único no mundo da banda deseñada, unha escola que ten como obxectivo a formación de profesionais da banda deseñada. Con O Garaxe Hermético, Kiko da Silva si que tivo a vontade de cubrir un baleiro, a ausencia de calquera centro que se dedicase de forma rigorosa as obxectivos da súa escola. “Naceu pola observación de que era necesario. Monteino a partir da estrutura empresarial da editorial da Retranca, que tamén naceu para ocupar o baleiro nas publicacións periódicas, esta con carácter satírico e crítico” di da Silva. Formouse na Facultade de Belas Artes nun campus como o de Pontevedra que estaba chamado a aglutinar a formación artística ao contaren tamén con centros como a Escola de Deseño e Moda ou Restauración. “A Banda Deseñada non se imparte nin en Escolas nin na Universidade, non se considera arte e a única solución era a creación dun centro de carácter privado, coa intención de que acade o recoñecemento oficial para o que estamos en contacto con outras escolas de España” explica o director do centro. A vontade de conseguir esa condición de centro oficial responde, segundo di, ao interese en abaratar custos dos cursos xa que, a súa natureza privada somete ao proxecto a un IVE do 21%.

Como se recibiu o proxecto? Hai alumnado para un centro de banda deseñada? “O noso nacemento recibiuse sorprendentemente ben. De cara ao curso que comeza en setembro temos cuberto un deles e o de profesionalización contamos telo completo cando comece a se impartir. Para acabar de abrir é sorprendente, pon á vista que hai interese na formación”. Canda a formación en técnicas e contidos máis teóricos, o alumnado sae coa preparación precisa para se meter no mundo profesional e mesmo comercial, “un asesoramento preciso para se introduciren nun ámbito difícil”. Como premio de fin de carreira instaurouse a publicación da obra a través da Retranca.

Para Kiko da Silva, O Garaxe Hermético é un proxecto persoal, no que meteu os seus aforros e no que procura un espazo de referencia e calidade para o que conta cun amplo equipo de especialistas en cada un dos ámbitos da banda deseñada e a ilustración, desde técnicas tradicionais e narrativa até as novas tecnoloxías. O centro ofrece cursos de verán para maiores e crianzas pero o forte está no programa para formaren a profesionais, unha titulación articulada a través de tres cursos académicos. Miguelanxo Prado -outra volta- vinculouse ao proxecto participando na apertura dunha escola que vai convidar aos máis destacados profesionais a impartir clases maxistrais. O nome do centro responde ao recoñecemento tamén dun dos grandes da banda deseñada, ao Moebius autor da obra O Garaxe Hermético que Kiko quería traer a Pontevedra mais que morreu antes de que o centro fose inaugurado. A programación completa da escola está na súa web. 

Petan na porta e Cráneo abre Demo

O debuxante e autor Manel Cráneo é o  creador de Demo Editorial, un selo especializado en banda deseñada que naceu na Coruña en 2009. “Naceu como un proxecto de autoedición para publicarmos un álbum meu sobre o Castelo de Moeche. Despois diso xa comezaron a petar máis autores” comenta Cráneo das orixes do selo que publica a máis de dez autores con títulos como Cabana de Balieiros de Tokio ou Punto de Fuga de Miguel Suárez.

Como nos casos de Fausto e da Silva, Cráneo tiña tras del a súa experiencia como autor e mesmo como editor “amateur de fanzines”

. A súa idea é centrarse na publicación en banda deseñada de aventuras do xénero histórico co fin de non só servir de canle para as persoas autoras senón contribuír a recuperar o noso patrimonio artístico e cultural.

Sen dúbida, un dos proxectos estrela de Demo Editorial é a publicación en volumes da biografía de Castelao da man dos autores Inacio e Iván Suárez que acadaron o Premio Castelao co volume Castelao. Pobre Tolo, publicado en colaboración coa Libraría Cómic de Compostela con motivo do seu vixésimo quinto aniversario. “É a iniciativa máis ambiciosa que temos xa que son entre seis e oito volumes que queren construír a biografía de Castelao, unha figura que ben merece un esforzo como este” anota Cráneo. Entre as novidades do seu selo está un libro da súa autoría, Cousas de Mortos alén da colección Sálpock de Luís Sendón e Álvaro López , unha triloxía ambientada nun mundo imaxinario que veñen de presentar. 

Tras vinte anos como autor, o proxecto editorial que comezou hai tres supón para Cráneo unha nova liña de traballo naquilo que tanto lle gusta. Canda el, un equipo no que, como no caso de Fausto, conta coa súa compañeira, contribúe a asentar un proxecto que ten na promoción das obras un dos seus principais obxectivos. Como proxecto persoal que é, o Planeta Mincha, un mundo que medrará en breve, ten un espazo especial. Animación, xogos interactivos ou produtos do seu particular mundo sairán á venda para construír un dos sinais de identidade de Demo. Para afondar na editorial de Manel Cráneo pódese consultar a súa páxina web. 

Comentarios