Opinión

Travesías do deserto

Os novos xeitos de acumulación están a modificar as lóxicas culturais coas que estabamos acostumados a describir e a interpretar a realidade social. Os acontecementos prodúcense en masa e máis en secuencias vertixinosas, xerando situacións fugaces e efímeras das que resulta dificultoso extraer conclusións certeras sobre o alcance das mesmas. Porén, malia a escorrentía que flúe con novedosos ritmos, non é posíbel enmascarar os resultados dramáticos dos mecanismos de dominación e de explotación que baten sen piedade sobre a meirande parte da humanidade. A concentración da riqueza acada cotas espectaculares nunca antes vistas: 62 persoas acumulan tanto coma outras 3.600 millóns. A mitade máis pobre ve como se reducen os bens dos que dispón. O 50% do incremento da “nova riqueza” foi parar a mans dun privilexiado e selecto 1%. A precariedade e a inseguridade laboral son as situacións comúns e habituais coa nova pauta de domesticación da forza de traballo. O saqueo sobre todo tipo de recursos e o desposuímento do común avanzan sen freo empobrecendo pobos e individuos e ameazando perigosamente o medio ambiente. As novas arquitecturas legais, xurídicas e mediáticas érguense para garantir esta expropiación libre de obstáculos así como para criminalizar as resistencias. Os niveis de deterioro son tan amplos que cabe falar de crise civilizatoria.

Empeñarse nas categorías de sempre perde utilidade para afrontar os retos e as emerxencias presentes. Defender, coma algúns nacionalistas están a defender, que caben travesías do deserto na loita pola mudanza é non entender dúas cousas. A primeira é que na xeografía social contemporánea non hai desertos. A creación incesante de múltiples lugares e dimensións imposibilita a formación dun ámbito espazo-temporal que permita ser percorrido sen interaccións recíprocas entre o grupo ou organización e o resto do entramado social. Miles de novos espazos son creados a diario configurando unha rede que remodela constantemente a cartografía das relacións sociais. Semellante travesía sempre atravesará e será atravesada por un territorio ateigado que nunca lle permitirá ser desértica. Os expedicionarios de tal empresa non dipoñemos dun escenario ou dun tempo, ao contrario dos israelitas do éxodo, nin dun Moisés que afortale fronte a vindeiros anos de adversidades. A segunda é que a pretendida travesía polo deserto só pode ser concebida coma fantasía compensatoria, cando non de simulacro. O deserto non existe e, xa que logo, fabrícase simbolicamente arredor. Mais esta fabricación leva á percepción da imposibilidade de convivir, de dar respostas e de ocupar territorios desde os que se facer visíbel. No actual sistema mundo non hai camiños en solitario, xa para ben ou para mal. Unha cousa vén sendo comezar en minoría para lograr incorporar acompañamentos e outra pretender estar só para que a posteriori te reclamen. Neste segundo caso é moi probábel que se continue en solitario. As dinámicas dificilmente perdoan a quen non sabe ler as coxunturas.

Defender, coma algúns nacionalistas están a defender, que caben travesías do deserto na loita pola mudanza é non entender dúas cousas

A apelación a facer unha travesía de tal calibre remite a mitos e ritos de heroicidades que dificilmente teñen acougo nas disposicións vitais dun mundo maltratado e que, nos seus actores máis activos, procura urxentes solucións e resultados tanxíbeis que amosen e dean satisfacción e motivos de ilusión para actuar e resistir. Non serven posturas sacrificiais; a xente precisa de gratificacións e de esperanzas. Ninguén vai agardar por quen hoxe se afaste para manter incólumes as táboas e principios, e menos cando estes se consideran patrimonio exclusivo dos seus guardiáns.

Non serven posturas sacrificiais; a xente precisa de gratificacións e de esperanzas

Se xa o chamamento a unha travesía do deserto resulta desafortunado coma metáfora de resistencia moito máis preocupante é como reflexo dunha actitude de negación para abordar as necesidades que as novas dinámicas sociais e políticas están obrigando a reformular e a reconsiderar para contrarrestar os patróns actuais de dominación. En ningures está escrito que a unidade se constrúa con exclusións ou que o nacionalismo non poida actuar con forzas que non o son. Vivimos na emerxencia desde hai moito tempo e cómpre erixir novas estratexias. A urxencia non debe minguar a capacidade de reflexión e análise, mais si debe favorecer achegamentos e alianzas nas que se produza unha fértil e honesta colaboración para construír xeitos de poder popular. A derrota ou o retroceso das opcións transformadoras significan a vitoria das opcións da oligarquía, das que estamos a ver como se rearman cunha vizosidade extraordinaria. E hoxe é urxente desaloxar á dereita das institucións galegas, tanto polo seu significado simbólico como polo esfarelamento nacional que estamos a padecer.

Comentarios