Máis presenza policial en Catalunya

Trapero opúxose a que o Estado asumise o control dos Mossos

O major dos Mossos, Josep Lluís Trapero, negouse a que o Ministerio do Interior dirixise a policía integral de Catalunya após a Fiscalía reclamase o seu control por parte do Estado.

trapero

O Ministerio do Interior trata, por todos os medios, de se facer co control policial dos Mossos d’Esquadra nos días previos ao referendo convocado para o 1 de outubro. Xa o fixera após os atentados de agosto en Barcelona e Cambrils, cando puxo en dúbida o traballo da policía catalá.

Nunha reunión que tivo lugar na quinta feira para avaliar o estado da orde de “impedir a celebración” do 1-O e na que participaban os mandos en Catalunya da Policía Nacional, a Garda Civil, a Garda Urbana de Barcelona e os Mossos,  o fiscal superior de Catalunya, José María Romero de Tejada, anunciou que deixaba en mans do número tres do Ministerio do Interior, Diego Pérez de los Cobos, a coordinación da política de seguridade no país.

Precisamente, De los Cobos, xefe de Gabinete de Coordinación e Estudos da Secretaría de Estado, asistira á reunión e afirmara que o control sería “puntual”. Segundo informa La Vanguardia, Trapero opúxose e lembrou que os Mossos son a policía integral de Catalunya, con plenas competencias e con capacidade para garantir a seguridade nos próximos días. O major dos Mossos solicitou por escrito a orde de ter por riba un político do Ministerio do Interior.

O fiscal deu por concluída a reunión e citou os presentes a un novo encontro que terá lugar o sábado. Até o momento é a Xunta de Seguridade de Catalunya, a través dunha mesa, o organismo que regula a coordinación entre todas as policías. O major dos Mossos insistirá hoxe en solicitar que sexa ese organismo, de carácter técnico e non político, o que xestione a coordinación nos días previos ao 1 de outubro.

Máis efectivos da Policía e da Garda Civil

A diario seguen chegando a Catalunya máis efectivos da Policía Nacional e da Garda Civil. Oficialmente non se coñece a cifra, pois Interior alude a “motivos de seguridade” para non revelala. Nin sequera os Mossos teñen constancia do número de policías nacionais e gardas civís que recalaron no país ao longo destas semanas.

Comentarios