Opinión

Transformar os aplausos en feitos

Nestes días de confinamento milleiros de persoas saen ás xanelas, patíns, varandas ou portas das súas vivendas para aplaudir a quen consideran heroes e heroínas da loita contra a pandemia debida á extensión da xa famosa Covid-19. Acción repetida día tras día á mesma hora e que pode ter un efecto moi positivo psicoloxicamente para persoas que, obrigadas polo estado de alarma, levan semanas pechadas nunhas vivendas nas que a televisión volve ser a raíña; unha televisión que transmite noticias tristes sobre centos de mortes diarias, acompañadas de imaxes de ambulancias, cadaleitos, cemiterios... que axudan a aumentar a sensación de tristura e impotencia e as preocupacións debidas ás múltiples problemáticas familiares. Unha sensación que, como xa sinalei nun artigo anterior, para moitas persoas pasa a ser terror debido á imposición da linguaxe bélica e á presenza preeminente de uniformados cargados de medallas dando o parte de guerra no que informan dos operativos executados cada día. Fáisenos crer que estamos en guerra cando nós estamos moi lonxe de saber o que é unha guerra, e oxalá non o saibamos nunca, pois o sufrimento directo ou indirecto que temos nestes momento multiplicaríase de xeito exponencial.

Outro elemento que ocupa cada día máis espazo na televisión é o dos heroes e heroínas desta situación, persoas que en circunstancias moi difíciles e por momentos en situacións críticas son capaces de tirar forzas non se sabe de onde, para facer algo que a maioría consideramos incapaces de facer.

Non critico os aplausos nin as imaxes e historias de heroes e heroínas, todo o contrario, son consciente da importancia que teñen para os seres humanos e para os pobos as accións simbólicas; un exemplo tivémolo na emocionante conmemoración do 25 de abril en Portugal hai uns días con centos de milleiros de persoas cantando o Grândola à janela. E valoro moitísimo as persoas de profesións que están a desempeñar unha función fundamental, moitas veces ocultas nunha sociedade na que reinan o consumo e a aparencia, e que até o primeiro día dos aplausos valoraba máis un especulador financeiro que unha caixeira de supermercado ou un labrego.

Pero non podemos deixarnos levar exclusivamente pola sensibilidade lóxica neste momento, e desde o meu punto de vista xa un pouco esaxerada debido á masiva difusión de noticias que buscan impresionar, e moitas veces impiden intencionadamente reflexionar sobre as razóns das cousas.

Debemos prepararnos para cando a situación mellore, os contaxios sexan menores e as mortes deixen de contarse por centenares. Debemos prepararnos porque ao rematar a emerxencia e levantarse o confinamento os heroes e heroínas desaparecerán de inmediato, volvendo a ser traballadores e traballadoras no anonimato; haberá quen conserven o traballo pero haberá quen irán ao desemprego sen importar para nada a súa condición de heroes e heroínas responsábeis da vitoria sobre o inimigo nesta suposta guerra.

Fiestras e varandas baleiraranse e os aplausos haberá quen busque que dean paso ao silencio. O peor que podemos facer é permitir que ese silencio se instale na sociedade, pois a dureza da situación vai precisar transformar os aplausos en feitos.

Haberá medo e comprobaremos como as reivindicacións xustas de reforzamento da sanidade e dos servizos públicos, de que paguen a crise quen seguen repartindo dividendos, ou de que non se recorten dereitos democráticos, van ser duramente criticadas por quen amplificaban os aplausos. Volverá o “xa estades facendo política”, “neste tempo a política sobra”.

Antes ou despois sairemos á rúa, poderemos ver, falar, abrazar e bicar familiares, amizades, compañeiros e compañeiras; será unha grande explosión de alegría. Pero pode ser unha alegría pasaxeira se non enfrontamos os problemas que estarán aí. E non podemos repetir o erro, os aplausos das xanelas deben transformarse en loita e organización, fronte a un sistema que nestas semanas de pandemia veu mostrar a súa faciana máis cruel, faciana que estaba aí pero que como nos dicían que vivíamos no mellor dos mundos posíbeis ao mellor non queríamos ver.

Comentarios