Opinión

A transcendencia do contexto

Afirmase con razón nos medios hexemónicos que as eleccións municipais, autonómicas e europeas son unha segunda volta. Unha convocatoria na que o PSOE quere ampliar os bos resultados obtidos nas xerais, e a dereita procura manter as porcentaxes como bloque, por certo algo moi complexo e en medio dunha guerra civil entre as tres alternativas existentes. O PP busca desesperadamente confirmarse como o principal partido da oposición, para manter seu liderádego histórico. Esta é a razón pola que Casado xirou ao centro, despois de ter escenificado e xurado durante meses, arroupado por Aznar, que era un cruzado do españolismo máis rancio e que o neoliberalismo era a solución de todos os males.

O soberanismo de Cataluña e Euscadi foi quen de se consolidar como o outro polo a ter en consideración

Agora ben, non se pode obviar que neste contexto o soberanismo de Cataluña e Euscadi foi quen de se consolidar como o outro polo a ter en consideración. E tampouco se pode ignorar o retroceso da “nova esquerda”, que está mergullada nunha dinámica esgazamentos, produto das súas indefinicións no modelo económico e social, unha folla de ruta cambiante, e de non aclarar se defende o federalismo ou unha confederación, e se respecta o dereito de autodeterminación. E isto último non é unha cuestión menor, tendo en consideración que seus mellores resultados acadounos en Cataluña, Euskadi, Galiza e Valencia. Este retroceso de Unidas Podemos (e aliados) non semella que se vaia reverter. A esta altura non abonda co discurso efectista e cheo de boas intencións de Pablo Iglesias. Manter a iniciativa necesita dun proxecto e un camiño ben definidos, para construír partido e contar cunha militancia activa. Ademais non foi quen de construír organización pola base, e polo tanto de demostrar capacidade mobilizadora, mais que en contadas ocasións. Ficoron ancorados no institucionalismo e no uso das redes e medios de comunicación.

Ademais, hai que contextualizar esta conxuntura política no Estado como unha extensión da crise política e de modelo socio-económico que vive a Unión Europea, da que o Brexit  e os governos da dereita populista son exemplo. Porén tampouco se pode obviar que a UE está ocupada militarmente polos Estados Unidos, e forzada a unha confrontación militar con Rusia, e económica con China. A submisión ás políticas de Washington na cuestión de Iran e Venezuela son a constatación desta dependencia e, o que resulta máis grave, que se aceptan porque se entenden como un mal menor, porque benefician ás corporacións e grandes fortunas. Todo ilo cun custe sobre as clases populares tremendo, dado o aumento da desigualdade social, da precariedade, e do retroceso dos dereitos democráticos, tanto nos países dependentes como na propia UE. Daquela o medre da abstención nos procesos electorais, o auxe dos partidos da dereita estrema e populistas, de respostas sociais como os chalecos amarelos, ou da inestabilidade e fragmentación dos partidos tradicionais.

Nos estados da UE non hai un proxecto de futuro para as clases populares, e esta percepción é máis acusada nos países da periferia

Nos estados da UE non hai un proxecto de futuro para as clases populares, e esta percepción é máis acusada nos países da periferia, e especialmente nos que carecen dun estado propio (tanto pola marxinación das súas culturas e linguas, como polo papel subalterno na cadea de valor). Polo que todas as opcións están abertas, tanto por parte polas contradicións entre estados, como en relación a movementos sociais espontáneos, non só pola transcendencia da precariedade e da pobreza como revulsivo, senón porque a maioría albisca que o futuro será peor.

Todos estes aspectos non se poden obviar cando facemos unha caracterización da realidade obxectiva e subxectiva da Galiza. E, ademais cómpre termos en consideración as cuestións económicas, sociais, e culturais internas, así como a súa evolución. Cada nación ten súa dinámica, factores históricos e condicións xeográficas e económicas que lle outorgan características especificas. Non serve copiar e pegar. Mais, mesmo sendo así, repito, nun mundo globalizado en todos os ámbitos, comezando pola “revolución nas comunicacións”, non se pode obviar o que isto implica respecto da formación da conciencia política, no cultural e no estado de animo das persoas... tampouco sería algo estraño unha intervención exterior.

Nesta conxuntura tan complexa e dinámica, se a comparamos no que era normal na historia europea dende a 2º Guerra Mundial, hai que inxerir a utilización que se fixo do referendo catalá para xustificar que a estrema dereita neo-franquista aparecese na escena política. Aínda que a sua razón principal semella estar máis ligada a manter puxante o proceso de centralización e concentración capitalista, para impoñer regras únicas que simplifiquen a alarguen o mercado, no económico, institucional, cultural e lingüístico. Tanto para lle entregar o poder político se fose necesario como medida de orde, como para atemorizar e dar paso no timón do proceso a unha opción menos agresiva, porén igual de servil e efectiva para o capital (lembremos a historia do PSOE). Ambas follas de ruta teñen o mesmo obxectivo: rebaixar a contestación da clase traballadora e frear os procesos de autodeterminación nacional. Axuda a fortalecer este obxectivo, consubstancial coa historia do capitalismo, á debilidade do movemento obreiro e dos partidos da esquerda real, por mor da caída da Unión Soviética e a falta dunha reflexión que rectificase e superase aquel proceso.

As consecuencias deste retroceso da esquerda van máis alá dos efectos negativos sobre a loita de clases

As consecuencias deste retroceso da esquerda van máis alá dos efectos negativos sobre a loita de clases, tamén inciden no recuar dos procesos de liberación nacional en todo o mundo, como reflicte a perda de peso do Movemento dos Non Aliñados. O que indica a fortaleza da ligazón entre clase traballadora e nación nesta etapa, moi especialmente nas nacións dependentes e carentes dun estado propio, como Galiza. Non é posíbel a liberación nacional, e mesmo conquistar espazos de soberanía reais, sen rachar co imperialismo capitalista, sen cuestionar a explotación de clase.

Malia o carácter regresivo, no plano social, cultural e democrático, da tendencia dominante, o panorama non está exento de contradicións, como amosan as confrontación entre potencias, e destas cos países subalternos, e que dentro de todos eles se agudizase a desigualdade entre clases e entre países, a precariedade laboral, a desfeita ecolóxica e a diminución de recursos básicos. Esta é a razón pola que nos últimos anos danse xiros á esquerda e á dereita tan grandes nos procesos electorais, aumenta a abstención, e a fragmentación partidaria non deixa de medrar, mesmo naqueles estados con rendas por persoa máis altas. Hai estoupidos sociais que as veces o sistema dá reorientado... outras veces non, e utiliza a represión para esmagalos. Entre estes últimos temos a loita a prol da independencia en Cataluña e a protesta social dos “chalecos amarelos” en Francia.

No ámbito internacional todas aquelas potencias e nacións que procuren manter políticas soberanas, que polo tanto se opoñen ao imperialismo hexemónico dos Estados Unidos e potencias aliadas (como socios menores) son bloqueadas, sancionadas ou sometidas á intervención (Cuba, Venezuela, Siria, etc.). Agora ben, malia o inmenso poder económico do imperialismo, o aumento das bases no exterior, e políticas cada vez máis agresivas, en moitos países non dá imposto seus obxectivos. Cuba e Bielorrusia mantéñense, Venezuela resiste, Siria vence ao terrorismo mercenario... Ou sexa: a loita continua. Falta unha internacional, partidos de clase fortes e coherentes, e confrontar o internacionalismo de povos soberanos contra a globalización da cobiza e inxustiza.