Opinión

A trampa do financiamento autonómico

A fins deste agosto defendímos nun artigo que a Lei 50/1997, que regula o Goberno do Estado e a súa Administración, outorgáballe ao Goberno Sánchez en funcións poderes abondo para resolver tres tipos de cuestións: as de xestión ordinaria, as urxentes e as vencelladas ao interese xeral. Xa que logo podería pagarlle á Xunta 530 dos 700 M€ adebedados. Denunciábamos tamén a discriminación que sofre Galicia, pois que con menos do 5,8% da poboación estatal , representaba o 15% da débeda do Estado coas CC.AA. polos devanditos conceptos liquidatorios.

O sistema de financiamento autonómico español non ten xeito ningún. A descentralización do gasto público é importante: as Administracións autonómicas e locais xestionaron no 2018 o 50% do gasto público e os servizos esenciais (sanidade, educación, servizos sociais) corren ao coidado das autonomías. Mais, quitando Euskadi e Nafarroa (onde recadan os impostos todos e lle pagan ao Estado unha cota para pagar os servizos que prestan en cadanseu territorio) a centralización do ingreso é total.

Esta centralización do ingreso renxe coa grande descentralización do gasto e constitúe unha excepción exótica a respecto do sistema fiscal doutros sistemas descentralizados europeos, como Alemaña ou Suiza. A Alemaña distribúe case ao 50% cadansúas recadacións dos IVE, IS e IRPF entre a Federación e os lander, mais son os landers os que recadan. Na Suiza (con só 8,5 millóns, menos do 20% do Estado) existen impostos federais para financiar ese nível administrativo, máis son os 26 cantóns os que os recadan.

A distorsión desta centralización é moi lesiva para o noso autogoberno e, xa que logo, benestar. O Estado desenvolve, sen ser competente, políticas de vivenda, transporte ou financiamento local garantindo a achega de financiamento adicional ás CC.AA. en troques da recentralización desas políticas. Este desaquelado sistema de financiamento garántenos un financiamento moi curto dos servizos ( vgr. só o 3% dos ingresos locais cun 5,8% da poboación). Se Galicia quere unha mellora adicional terá de acatar as inconstitucionais recentralizacións impostas polo Estado .

Velaí que a solución é que Galicia recade non só os seus impostos, senón os estatais. E non me confundir os allos cos bugallos. As pensións pertèncenlle ás persoas por mor das cotizacións pagas, quer na Galicia, na Catalunya ou na Suiza. Son os impostos os que son territorializábeis.

Os lander alemáns e cantóns suizos recadan. Porque non o vai facer Galicia?

Comentarios