A “trailer movie” de Pontón por unha AP-9 sen peaxes

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o cabeza de lista ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, subiron ao camión para desprazarse desde o polígono de Sabón en Arteixo até o polígono da Sionlla en Santiago, nunha viaxe que reivindica a transferencia da AP-9 como primeiro paso para acabar coa estafa das peaxes.
caminon BNG (3)
photo_camera Ana Pontón, esta cuarta feira, na AP-9.

“Coa forza das urnas imos ir a Madrid e condicionar as decisións que se tomen en relación coa AP-9, a partir do 10 de novembro imos defender no Congreso que a AP-9 ten que transferirse a Galiza e que ese sexa o inicio da fin dunhas peaxes que son unha estafa legalizada polo PP e polo PSOE, que non fixeron máis que mirar polos intereses da concesionaria e poñerse en contra dos intereses dos e das galegas”, recalcou a portavoz nacional do BNG despois de completar a ruta.

Un compromiso que remarcou Néstor Rego: “este será un tema preferente no Congreso, porque as forzas políticas que tiveron a posibilidade de acabar con esta estafa, PP desde a Xunta, e o PSOE desde o Estado, non moveron un dedo para iso. Non entendemos esa cerrazón máis aló da discriminación con Galiza cando ao mesmo tempo o Executivo central destina 4.000 millóns a rescatar as radiais madrileñas con baixadas das tarifas”, denunciou.

caminon BNG (1)Con esta viaxe-denuncia, na que o BNG contou coa colaboración de FETRAN, queríase poñer o foco “no que significan as peaxes para o sector do transporte”, sinalou Pontón. FETRAN, que agrupa a 1.500 transportistas, indica que un profesional do transporte que faga este mesmo percorrido A Coruña-Santiago tres veces ao día ten un custo de explotación de 1.770 euros mensuais, no suposto dunha ruta entre A Coruña-Vigo con dúas viaxes diarias, moi frecuente no transporte por estrada, o custo de explotación sería de 2.832 euros cada mes.

Por iso é urxente acadar a transferencia para poñer fin a este abuso xestionando desde Galiza esta infraestrutura clave para o país, insiste o BNG. “A solución non vai vir pola simetría das peaxes que propón Feixoo, porque lembremos que só hai tres autoestradas en todo o Estado coa concesión máxima de 75 anos, e dúas están na Galiza, o que significa que aos e ás galegas se nos obriga a pagar durante máis tempo”, argumentou Ana Pontón.

Vía amortizada
camion BNG (2)Rego insistiu en que unha AP-9 galega e libre de peaxes  “é de xustiza”. “Que deixen de espoliarnos con peaxes por unha infraestrutura que ten amortizado o investimento pero ten das tarifas máis altas do Estado, que este ano volveron subir 3,5%, e sen bonificación nin por uso, nin por horario”.

Un recente informe de Audasa (2017) cifra en máis de 2.500 millóns a recadación a costa da AP-9 e, cando a concesión ampliada sucesivamente polo PSOE e polo PP até os 75 anos actuais finalice, Audasa terá ingresado un total de 14.500 millóns, “unha barbaridade”, sentenciou Pontón. Mentres os beneficios da multinacional non deixan de aumentar a unha media do 33% anual, a cifra de emprego que xera non deixou de baixar ao mesmo ritmo, 33% entre 2004 e 2019, pasando de 315 a 214 postos de traballo. 

Comentarios