2 e 3 de agosto

“Tradición e vangarda” na Carballeira de Zas

É a da Carballeira de Zas unha das citas principais do verán folk galego. A súa edición número 36 será o 2 e o 3 de agosto e a organización desvelou esta terza feira o seu cartaz. “Tradición e vangarda”, resumiu o director do festival Fidel Otero o seu programa. Susana Seivane, Baiuca ou os irlandeses Fourth Moon serán algúns dos protagonistas.
 

OLYMPUS DIGITAL CAMERA
photo_camera Presentación do 36ª edición do festival da Carballeira de Zas. De esquerda a dereita, o responsábel de patrocinios musicais de Estrella Galicia Víctor Mantiñán; a vicepresidenta da Deputación da Coruña Goretti Sanmartín; a gaiteira Susana Seivane; o alcalde de Zas Manuel Muíño, e o director do certame Fidel Otero. Foto: cedida.

Hai anos que a Carballeira se abriu máis alá do folclórico. Por iso ademais da gaiteira Seivane ou as pandeireteiras Tanxugueiras, pasarán tamén polo seu escenario o rock de combate de Dakidarría ou de Monoulious Dop, dúo de pop rock humorístico procedente de Noia. A electrónica folk de Baiuca tamén estará na vila da Costa da Morte.

Da Bretaña chega Celtic Social Club, que, inspirados polo proxecto Buena Vista Social Club pero en músicas celtas, xunta músicos bretóns e escoceses. Os vascos Korrontzi, que basean a súa sonoridade no acordeón diatónico (trikitixa) de Agus Barnadarian, Fourth Moon ou o folk pop dos escoceses Tide Lines completan as actuacións nocturnas.

Na sesión vermú do sábado, 3 de agosto, haberá representación galega: Vudú , Os Farrapos e as regueifas de Lupe Blanco e Alba María.

As entradas para a Carballeira de Zas xa están á venda na súa web a partir de dez euros. Na organización colaboran o concello da localidade da Costa da Morte e mais a Deputación da Coruña, ademais de contar co patrocinio de Estrella Galicia.

Comentarios