Nos primeiros sete meses

Os traballadores e traballadoras afectados por un ERE na Galiza aumentan en 90%

É o terceiro territorio do Estado onde máis aumentaron os expedientes de regulación de emprego. 40% das persoas asalariadas na Galiza afectadas por un ERE é por un despido colectivo.

Operarias nunha carpinteiría industrial

Nos primeiros sete meses do ano o número de traballadores e traballadoras afectadas na Galiza por un expediente de regulación de emprego aumentou en 90%, o que supón o terceiro maior aumento de todo o Estado, só por detrás de Valencia e Cantabria.

Entre xaneiro e xullo un total de 3.267 persoas asalariadas padeceron algún tipo de ERE. Delas, 1.923 é por suspensión de contratos, 1.283 por despidos colectivos e 61 por redución de xornada. Así pois, 40% dos traballadores galegos afectados por un ERE é por un despido colectivo.

No conxunto do Estado o número de traballadores e traballadoras atinxidos por un expediente de regulación de emprego foi de 44.745. Os 3.267 na Galiza supoñen máis de 7% do total, un peso superior ao que ten o noso país no conxunto do Estado tanto en poboación como en mercado laboral.

Por que este aumento nos ERE? Entre as causas sinaladas están desde a ralentización económica até a situación de crise que paira sobre sectores da industria como a electrointensiva. 

Comentarios