Os traballadores ofrecen a paz social se Alcoa negocia e anula os despedimentos

Os traballadores de Alcoa ofrecen á multinacional acabar coas restricións á saída de material de San Cibrao se acepta sentar a negociar a venda da factoría e retirar o ERE que afecta 524 empregados da planta de aluminio
O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, durante a rolda de prensa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera O presidente do comité de empresa, José Antonio Zan, durante a rolda de prensa (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Hai máis dun mes que Alcoa non senta con ninguén a negociar o futuro das instalacións de aluminio primario en San Cibrao, no concello de Cervo, após dar por rotas as conversas con Liberty House e co Goberno español, que intentou facerse co control da factoría a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI). 

Pero as cousas poden mudar se aceptan as condicións impostas polo comité para acadar a "paz social" cos seus traballadores e traballadoras, en folga desde o 6 de outubro. Para iso, a multinacional norteamericana debe sentar "de verdade" a negociar a venda da factoría e levantar o despedimento colectivo para 524 traballadores que pretende aplicar na planta de aluminio.

Así o trasladou esta segunda feira o presidente do comité, José Antonio Zan, nunha rolda de prensa na que criticou as "promesas incumpridas", "mentiras" e "traizóns" ao cadro após máis dun mes de espera pola mesa multilateral xunto á Xunta e o Goberno español. Din que se dan esta rolda de prensa é precisamente porque non teñen "outros foros" onde poder presentar esta proposta.

Ao que non está disposto o colectivo de traballadores é a chegar "á vergoña de ter que sentarnos nun xulgado coa empresa", advertiu. A folga "eliminarase cando esa posibilidade se elimine", profundou Zan en referencia aos despedimentos que polo momento a empresa mantén sobre a mesa e que aínda non comezou a notificar aos seus empregados.

Rematar coa guerra

"O que ofrecemos a Alcoa e aos gobernos é paz social. É o que temos. Agora temos unha guerra montada. Se eles queren buscar unha solución e un futuro...", indicou Zan, para quen deixar saír parte da produción "pode ser unha das vías".

Con todo, o representante sindical insistiu en que isto "se podería falar se levantase o ERE". "Se senta a negociar coa SEPI e quita o ERE", matizou. E é que, segundo salientou, "as medidas sindicais están a facer dano a Alcoa, unha gran perda" e esa é a "forza" do comité.

Nesta liña, manifestou estar "dispostos a aliviar os 50 millóns de perdas que ten Alcoa" debido ás restricións de saída de material no caso de que a empresa "sente a negociar".

A oferta, precisou, é "estudar as medidas sindicais adoptadas", pero Alcoa "debe aceptar sentar a negociar cos dous gobernos en igualdade de condicións e coa SEPI, que tentou comprala, para buscar unha saída".

Ao mesmo tempo, José Antonio Zan demandou á Xunta "un plan para poder investir na planta, actualizala e facer que o próximo comprador estea interesado" nela. Isto, segundo aclarou, "debe ser durante as negociacións e o período de venda".

Con Ron Harvey de interlocutor

Os traballadores de Alcoa instaron a Xunta e Goberno español a dirixirse por carta ao presidente de Alcoa, Ron Harvey, "para que sente a negociar".  Lembraron que Harvey "foi xefe da planta de aluminio" e ten "bastante coñecemento" da fábrica, polo que é "a persoa indicada" para coller esta negociación.

No caso de que a empresa non acceda a esta petición, os traballadores entenden que o seguinte paso debería ser a intervención da empresa, no que insiste a CIG. "Pedimos que a interlocución sexa con Ron Harvey; non pode haber outra interlocución, xa que todo até agora fracasou", subliñou Zan, que insistiu en que os Executivos "deben obrigar Alcoa a sentar e ser eles quen fagan a solicitude para sentar". "Xa está ben de falsas esperanzas, tanto conto e tanta historia", concluíu o presidente do comité.  

Comentarios