Traballadores de ambulancias en greve intensifican a presión sobre a Xunta

Fecháronse no despacho do conselleiro de Sanidade para exixir a implicación da administración no conflito

traballadores greve

Un grupo de traballadores  do sector de ambulancias fechouse na mañá desta quinta feira no despacho do conselleiro de Sanidade en demanda dunha solución ao conflito do sector e exixindo a implicación da administración como responsábel última do servizo. Os operarios, una ducia, e os representantes da CIG Xabier Aboi e Nacho Pavón foron identificados pola Seguridade.

No marco desa acción tivo lugar una xuntanza co xerente do Sergas e o secretario xeral da Consellería. “Lembrámoslles que a Xunta ten que implicarse no conflito pois é a responsábel última do servizo e a situación actual deriva das ofertas á baixa no último concurso público”, explica Inacio Pavón en conversa con Sermos Galiza.

Os representantes de Sergas e Sanidade “ficaron en que ían instar as empresas a que se abrise a mesa de negociación” e tamén que informarían os representantes do persoal sobre se a Xunta decida intervir ou non no conflito. O sexto día da greve intermitente no sector de ambulancias volveu ter un seguimento destacábel, asegura Pavón, que destaca que en cidades como Vigo, Compostela, Pontevedra ou A Coruña está en 100%.

O persoal de ambulancias protagoniza esta cuarta e quinta feira xornadas de greve na loita por un convenio digno. Até 12% de rebaixa no prezo. Esa é a oferta á baixa que apresentaran as empresas no último concurso público de ambulancias convocado pola Xunta de Galiza.  Cun acordo insuficiente para facer fronte ao servizo —no caso de Santiago, 80% do prezo marcha nos salarios en detrimento de obrigas como hixienizar os vehículos ou limpeza da roupa de traballo—, a patronal tenta ser rendíbel a custe de paralizar a negociación do convenio colectivo, onde solicitan até 25% de recorte salarial.

Comentarios