Os traballadores de Alu Ibérica retoman a folga após o despedimento de 4 membros do comité

CCOO, CIG e UGT anuncian mobilizacións contra “a represión sindical” en Alu Ibérica.

Concentración dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica na Coruña en xaneiro de 2021. (Foto: CCOO)
photo_camera Concentración dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica en María Pita nunha imaxe de arquivo. (Foto: CCOO)

Os traballadores e traballadoras de Alu Ibérica decidiron en asemblea retomar a folga desde esta quinta feira e protagonizarán unha concentración diante da empresa. Unha decisión que se toma en resposta ao despedimento de catro membros do comité de empresa.

Ao tempo, os sindicatos CCOO, CIG e UGT anuncian mobilizacións en Alu Ibérica “contra a represión sindical”. Tamén se dirixirán ao Ministerio de Industria para que convoque decontado a mesa industrial. Así o decidiron tras a reunión que tivo lugar esta cuarta feira na Coruña entre o comité de empresa e os secretarios xerais das tres organizacións, Ramón Sarmiento, Paulo Carril e José Antonio Gómez, respectivamente.

Os dirixentes sindicais amosaron a súa máis enérxica repulsa polo despedimento do presidente do comité de empresa de Alu Ibérica, doutros dous membros deste órgano, así como dun delegado sindical.

“En total, catro traballadores á rúa como medida de presión por parte da empresa para tentar meter medo ao persoal e evitar calquera voz discrepante para executar o seu plan de desmantelamento da antiga Alcoa-A Coruña”.

Concentración o 26 de febreiro

A primeira acción do proceso de mobilización unitario será a vindeira semana, o día 26, cunha concentración diante da Audiencia Provincial da Coruña. Alí terá lugar o xuízo pola vulneración de dereitos sindicais durante a última folga en Alu Ibérica, que tivo lugar entre decembro do ano pasado e xaneiro deste ano.

Diante da sede xudicial farase pública a convocatoria dunha gran mobilización “para rexeitar as prácticas antisindicais de Alu Ibérica”.

Comentarios