Os traballadores de Alcoa instan en Madrid ao goberno español “a pasar aos feitos”

Nunha semana finaliza o prazo de negociación do ERE e 700 postos de traballo directos e 2.000 indirectos na Coruña e Avilés poderían desaparecer. Centos de operarios mobilízanse diante do Ministerio de Industria.

DwYuUMaWoAAbP73

Unha vintena de autobuses procedentes de Galiza e Asturies arribou na mañá desta cuarta feira a Madrid con traballadores e traballadoras das plantas de Alcoa na Coruña e Avilés para demandar diante do Ministerio de Industria un compromiso efectivo do goberno para salvar ambas as dúas plantas e os postos de traballo. Están en xogo 700 postos de traballo directos e 2.000 indirectos e o prazo de negociación do ER finaliza o 15 de xaneiro, após ser prolongado.

Os traballadores concentráronse diante do Ministerio, onde a policía española interveu para impedir que se achegasen ás portas do mesmo. Un grupo de operarios procedeu a cortar Las Castellana durante uns 10 minutos.

DwYwBPPXgAAlRX4

“Alcoa non se fecha”, “Alcoa solución” ou “Alcoa deféndese loitando” foron algunhas das palabras de orde nunha concentración inzada de andeiras galegas (moitas delas coa estrela vermella) e asturianas, portados polo cadro de persoal das factorías.

Os operarios das plantas lamentan que o goberno español non estea a actuar con “valentía” para afrontar o conflito. Critican que os anuncios que nestas semanas se fixeron por parte do executivo de Pedro Sánchez non se concreten en medidas efectivas.

E aquelas medidas que si se concretan, como o real decreto lei 20/2018 de medidas urxentes para impulsar a competitividade no sector da industria, “son claramente insuficientes”.

Os traballadores e traballadoras instan o goberno español a pasar das palabras “aos feitos” e que tome as decisións necesarias para manter a actividade e os empregos, lembrando que a propia lexislación española abre a posibilidade dunha intervención e ‘nacionalización’.

 A outra posibilidade, un comprador, non se dá concretado e, lembran desde o comité, estamos” e tempo de desconto”.

Comentarios