As traballadoras da planta de Siemens-Gamesa en Ferrol temen polo seu futuro

Sinalan que a compra dos activos da firma alemá Senvion volve poñer sobre a mesa o feche de plantas.

Comité Siemens-Gamesa
photo_camera Representantes do comité de Siemens-Gamesa en As Somozas [Imaxe: Europa Press]

Siemens-Gamesa anunciou recentemente o inminente feche dunha operación para facerse cos activos da empresa alemá Senvion, unha decisión que foi recibida con nerviosismo por parte dos traballadores que a multinacional ten no municipio das Somozas, na comarca de Ferrol.

O presidente do comité de empresa, Xavier Fornos, explicou esta sexta feira nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos delegados de CCOO, que lles “preocupa” o futuro da factoría galega, dedicada á fabricación de pas para eólicos, xa que Senvion conta cunha similar na zona de Aveiro (Portugal).  

Fornos, antigo delegado da UXT pero que agora actúa como independente, lembrou que desde a fusión (a de Siemens e Gamesa hai dous anos e medio) téñense visto “peches de plantas e deslocalización”. “Non vivimos enganados. Esta planta está onde está e nos preocupa”, afirmou antes de apuntar que a de Aveiro “está moi ben comunicada coa zona portuaria e emprega unha tecnoloxía moderna nos procesos de produción”.

Carga de traballo

No transcurso da comparecencia, as sindicalistas acusaron a dirección da planta de As Somozas e aos delegados de UXT de anunciar a existencia dunha carga de traballo até setembro de 2020 que a eles “como integrantes do comité de empresa, non nos consta”.

Detrás desta afirmación vén “unha montaxe” da UXT “co beneplácito da empresa”. “O que evidencia é o enfoque electoralista (os comicios sindicais están previstos para finais de ano) que ambas partes quixéronlle dar”, critica Fornos.  

Comentarios