Ciclo no MARCO

As traballadoras da imaxe fanse visíbeis en Vigo

O ciclo de charlas Traballadoras da imaxe reúne no MARCO de Vigo mulleres das artes visuais para falar da súa actividade profesional. A cita da sexta feira 27 de decembro ás 19 horas terá como protagonistas as creadoras Renata Otero e Diana Toucedo.
Retrato de Diana Toucedo
photo_camera Retrato de Diana Toucedo

Desde outubro deste ano, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO) está a desenvolver o ciclo de charlas e proxeccións Traballadoras da imaxe, no que mulleres procedentes de distintos eidos das artes visuais achegan a súa experiencia profesional. As cineastas Diana Toucedo e Renata Otero son as protagonistas da sesión que ten lugar na sexta feira 27 de decembro. A iniciativa procura visibilizar creadoras do campo do audiovisual que están xerminando e non sempre son ben coñecidas ou valoradas. Mar Caldas, Andrea Costas e Carme Nogueira xa pasaron polo museo.

Diana Toucedo (Redondela, 1982) é directora e montadora. Entre as case vinte longametraxes editadas por ela destacan obras como o documental La noche que no acaba, de Isaki Lacuesta, O quinto evanxeo de Gaspar Hauser (premio Fipresci 2013 en Rotterdam), ou Bugarach. Como directora realizou varias curtametraxes experimentais que pasaron por varios festivais e centros artísticos. A súa primeira longametraxe, Trinta Lumes, estreouse no Festival da Berlinale 2018. Actualmente traballa no desenvolvemento de Porto Desexado, un proxecto rodado entre a Arxentina e a Galiza.

Renata Otero (Barcelona, 1971) é docente, investigadora e creadora multidisciplinar. Licenciada en Belas Artes, o seu traballo céntrase no tema da identidade feminina desde hai 30 anos. Como teórica leva 25 anos impartindo seminarios, obradoiros e conferencias en plataformas diversas. Como creadora traballa a autorreferencia en obras próximas ao diario, a crónica persoal, o autorretrato ou a autobiografía a través de disciplinas tan dispares como a pintura, a fotografía, a banda deseñada, o vídeo, a literatura, a performance, a escultura, a improvisación gráfica ou a instalación.

Comentarios