Un traballador detido e tensión coa policía na protesta de persoal de Alcoa ante o Congreso

É un operario da factoría da Coruña que xa foi posto en liberdade. Os operarios e operarias das plantas coruñesa, de Avilés e de San Cibrao demandaban un maior compromiso do goberno para evitar o feche definitivo destas factorías. Estiveron acompañados por unha representación dos traballadores de Ferroatlántica.

[Imaxe: Cedida] Protesta de Alcoa en Madrid
photo_camera Imaxe: IU

Un traballador da factoría de Alcoa na Coruña detido e momentos de tensión coa policía española marcan a concentración que operarios da multinacional do aluminio e de Ferroatlántica fixeron esta quinta feira diante do Congreso. O operario xa foi posto en liberdade.

Os traballadores e traballadoras – das plantas da Coruña, San Cibrao e Avilés- concentráronse na madrileña Carreira de San Xerome, que foi cortada ao tráfico, para exixir un maior compromiso do goberno español para co sector electrointensivo. Consideran "insuficiente" a proposta de estatuto electrointensivo proposta desde o Executivo e advirten de que están en xogo miles de empregos no sector.

 

Ao intentar achegarse ao Congreso, a policía cargou contra os e as traballadoras, detendo un deles. Houbo momentos de tensión protagonizados por algúns axentes cos parlamentares galegos de En Marea Gómez-Reino e Ángela Rodríguez, así como con Alberto Garzón (Izquierda Unida) e Rafa Mayoral (Podemos). Deputados e deputadas de Unidos Podemos interpuxéronse entre a Policía e os traballadores.

O Parlamento galego aprobou por unanimidade esta semana unha iniciativa pola cal se solicita ao goberno español que modifique o borrador do estatuto de consumidor electrointensivo e teña en conta as alegacións presentadas pola Xunta.

Comentarios