"A Toxa, querémola en galego"

"Temos lingua e temos dignidade. Na Galiza, en galego". A Mesa pola Normalización Lingüística levou as súas protestas contra a "barbarización" da toponimia galega á illa da Toxa, onde este sábado se clausurou o 'II Foro La Toja Vínculo Atlántico'.
Concentración da Mesa pola Normalización Lingüística por unha Toxa en galego.
photo_camera Concentración da Mesa pola Normalización Lingüística por unha Toxa en galego.

"Queremos A Toxa en galego". Con estas palabras A Mesa pola Normalización Lingüística iniciou unha campaña nas redes sociais que esta tarde trasladou até a illa situada na ría de Arousa para reivindicar o nome deste lugar na súa única forma lexítima, a galega.

O grupo da Mesa pola Normalización Lingüística de Pontevedra - O Salnés concentrouse na entrada da ponte da illa da Toxa en sinal de repulsa pola deturpación do topónimo, coincidindo coa clausura dun Foro "que fai desta agresión á lingua galega o seu sinal de identidade".

Un insulto que incumpre a lexislación

A responsábel da Mesa pola Normalización Lingüística de Pontevedra - O Salnés, Sabela Bará, sinalou a vergoña que supón que destacados dirixentes políticos como Alberto Núñez Feixoo ou Pedro Sánchez participen nun evento que fai ostentación do desprezo dos nomes dos lugares da Galiza "deturpándoos e hibridizándoos". 

É vergoñento que 34 despois da aprobación da lei que recoñece a oficialidade única dos topónimos galegos aínda teñamos que mobilizarnos.

"É un insulto que ademais incumpre a lexislación, que sinala que a única forma oficial e lexítima, é a que galegas e galegos lle dan na súa propia lingua", indicou. "É vergoñento que 34 despois da aprobación da lei que recoñece a oficialidade única dos topónimos galegos aínda teñamos que mobilizarnos para reclamar o seu cumprimento, pero aínda dá máis vergoña que os responsábeis políticos que deben garantir o mínimo pola dignidade da Galiza participen disto", concluíu.

Comentarios