O Torques de Burela regresa ao Museo de Lugo

A enredada historia da colección artística de Álvaro Gil chega a un episodio que ten toda traza de ser final. O departamento de Cultura da Deputación vén de mercar aos seus herdeiros 40 das pezas de ourivería por un importe de 2.346.000 euros, entre eles, o Torques de burela

Mario Outeiro
photo_camera Mario Outeiro

Con cara de satisfacción informaba o responsábel de Cultura da Deputación de Lugo do acordo final á que a entidade provincial chegou coa familia de Álvaro Gil que suporá o regreso ao Museo de Lugo do que foi un dos seus principais tesouros até que os herdeiros do coleccionistas decidiron retirar as pezas. A compra custaralle ao Museo Provincial 2.346.000 euros mais 40 pezas de grande valor histórico e artístico de ourivería pasarán a formar parte da colección pública garantindo a súa exposición e participación no patrimonio común. 

Entre as catro decenas de pezas mercadas, datas entre 1.800 a. C. E o 400 d. C, atópanse os coñecidos torques de Burela e de Viveiro ademais do Carneiro Alado, elementos que teñen un lugar destacado na nosa historia artística. Durante catro décadas, estas pezas foron o emblema do Museo de Lugo até que no outono pasado unha sentenza xudicial do Tribunal Supremo confirmaba a titularidade d familia Álvaro Gil que optou por retiralas do centro, nunha operación cun forte dispositivo de seguridade. Desde entón, as valiosas pezas deixaron de estar á vista pública mentres diversas entidades culturais reclamaban o goce social do importante legado do coleccionista. A Deputación agarda poder mostrar ao público na Sala do Tesouro as pezas mercadas antes do remate do verán. 

Catro millóns menos do solicitado

O responsábel de Cultura da Deputación, Mario Outeiro, sinalou que esta era “unha magnífica noticia para a cidadanía lucense xa que recuperamos como patrimonio público para gozo do pobo un destacado tesouro do patrimonio material galego” e destacou “a importancia a nivel cultural e turística destas pezas para a cidade de Lugo”. O acordo pon fin a 14 anos de litixios xudiciais que se iniciaron na presidencia de Cacharro Pardo. 

O responsable do Museo Provincial e da área de Cultura da Deputación tamén lembrou que con este acordo final, que xa foi asinado pola familia Álvaro Gil e que a institución provincial levará ao pleno do vindeiro martes, “ponse fin a 14 anos de litixio xudicial e de desencontros entre a Deputación e a familia Álvaro Gil, iniciados no ano 1999 cando gobernaba Francisco Cacharro Pardo”. A familia reclamaba 5 millóns de euros polas pezas máis 2,7 por danos e prexuízos mais, finalmente, o prezo de compra será de 2.346.200 euros que a institución pagará en cinco anualidades.

Comentarios