Imprimir

Tomiño e Cerveira presentan os proxectos conxuntos da eurocidade

Redacción | 13 de xaneiro de 2021

Reunión dos representantes das tres administracións. (Foto: Concello de Tomiño)
Reunión dos representantes das tres administracións. (Foto: Concello de Tomiño)
Tamén se debatiu sobre a estratexia de futuro da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho, que pasa por unha maior cooperación entre os territorios do sur galego e o norte luso.

A rexedora do Concello de Tomiño, Sandra González e o presidente da cámara municipal de Vila Nova da Cerveira, Fernando Nogueira (que tamén é director da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Minho), presentaron hoxe o proxecto de eurocidade que teñen en común á nova presidencia da Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte (CCDR-N), un organismo similar á Xunta no norte do país luso.

No encontro, ambos alcaldes destacaron o traballo de colaboración feito até o momento nesa cidade Cerveira-Tomiño, mais tamén falaron de proxectos de futuro.

Na reunión presentaron máis polo miúdo o Parque da Amizade, un espazo que formará parte da rede de itinerarios verdes transfronteirizos polo Miño. Aliás, analizáronse cuestións como as pasarelas peonís.

Á nova representación da CCDR-N tamén lle concretaron algunhas das ideas que teñen para captar fondos europeos nos próximos anos que sigan avanzando nesa idea de espazo conxunto con servizos compartidos. Malia que agora o coronavirus manteña as dúas beiras do río separadas.

Cooperación en todas as comarcas

Por outra parte, falouse da estratexia do río Miño transfronterizo 2030 e a necesidade da creación dunha Intervención Territorial Integrada (ITI). A estratexia do río Miño busca a planificación da futura cooperación transfronteiriza entre as comarcas da raia e o norte de Portugal.

Un documento que se presenta como un verdadeiro estudo do territorio no que se recoñecen debilidades e potencialidades do mesmo.

A figura ITI suporía un programa de accións con fondos europeos entre 2021 e 2027 en colaboración coas Eurocidades.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/internacional/tomino-cerveira-presentan-proxectos-conxuntos-da-eurocidade/20210113183807113680.html


© 2021 Nós Diario