Opinión

Tomar unha decisión

 [Xoán Costa] 

Xa estamos en campaña electoral. Isto é, no período que antecede unha elección e durante o cal as persoas que conforman cada candidatura se presentan a quen as vai elexer na tentativa de angariaren máis votos. Na realidade esa procura de votos non atinxe todo o electorado pois a grande maioría temos definido o voto con anterioridade á campaña. Porque votamos candidaturas e propostas de actuación, non persoas.

Os inquéritos din que un 31% das galegas e galegos que van votar o día 12 de xullo aínda non decidiron a quen dar o voto. Significa isto que será un terzo do electorado o que realmente decide como se conforma o Parlamento e polo tanto, quen goberna. Non esquezamos que nas próximas eleccións non escollemos presidente ou presidenta da Xunta. Escollemos un Parlamento que será quen elixa a persoa a ocupar a Presidencia da Xunta para formar un goberno que responderá da súa xestión perante o Parlamento. A día de hoxe a conformación do Parlamento non parece fechada. E tampouco quen ocupará a Presidencia da Xunta. Hai que ir tomando unha decisión.

Comentarios