Opinión

Todo son pulgas

Do pouco que falo coas miñas amizades ultimamente coincide que todas rematamos relatando diversos achaques de saúde nunhas conversas máis propias de persoas de maior idade. Estaría moi preocupada se non fora porque esta sensación de ir cara a atrás moi rápido neste ano de pandemia é polo visto unha constante. Os problemas de sono, de ansiedade e o esgotamento crónico son síntomas que en maior ou menor medida vimos padecendo como consecuencia dun cambio de hábitos que a nivel físico nos está a deixar a todas e todos trapos.

Hai unha semana escribía sobre a mágoa de ver como as nosas fillas e fillos tiñan máis dificultades para aguantar a actividade física despois de tantos meses metidos na casa. Pero claro, que a principal preocupación sexa como andan as nosas fillas e fillos non pode facernos esquecer que nós estamos igual ou peor ca eles. Sabida é a peaxe que están a pagar enfermos crónicos, os atrasos nos tratamentos, na diagnose de enfermidades… pero tamén están os problemas de azucre polo visto disparados pola falta de actividade física, de corazón, bruxismo, problemas na vista… Como podedes comprobar estou dun positivo que ben podería dar conferencias motivacionais! Temos que nos enfrontar á Covid-19, ao sedentarismo, ao aumento de peso, á ansiedade, pregar polo posto de traballo e resistir co mellor ánimo posible agardando a vacina con esperanza.

Isto a maioría de nós, porque logo hai xente cunha flor semella no cu como Josefina Fernández responsable de DomusVi. Dende finais de xaneiro inmunizada completamente xunto ao seu irmán Pedro Fernández. A ela nin a vimos preocupada na súa comparecencia para dar conta da nefasta, o adxectivo é meu, xestión da pandemia nas súas residencias nin ten xa que se preocupar por contraer o virus nin por xustificar o feito de coarse na lista de vacinados.

Si amigas e amigos isto é coarse e estar por enriba do ben e do mal, cando hai enfermeiras en planta covid no Hospital Álvaro Cunqueiro que ata a pasada semana non recibiron a primeira dose da vacina e aínda teñen que seguir traballando en primeira liña sen completar a inmunización. Que se temos ansiedade? Claro que si, pero moi pouca para este panorama!

Comentarios