Opinión

Se todo se move á dereita, entón emerxe Vox

A inclinación de todo o taboleiro andaluz era cara á dereita e ese escorregamento colocou Vox no Parlamento autonómico con 12 asentos e após totalizar case 11 por cento do voto. Un comeza a gañar cando impón o temario e cando gaña o status de principal albo dos argumentos do resto dos actores. A pesar de ser unha forza extraparlamentar que en 2015 non chegou a 1 por cento do voto, Vox estaba en todos os discursos como un acontecimento en potencia. Como algo que ía irremisibelmente a acontecer. Pois aconteceu.

Con Casado o PP resgatou o discurso aznariano de dereita dura. A refundación post-socialdemócrata de Ciudadanos colocou a formación de Rivera a competir polo voto máis conservador. Susana Díaz encarna a ala dereita do PSOE e no seu día no canto de procurar un acordo con IU ou Podemos selou unha alianza con Cs. Por último, Adiante Andalucía non deixa de ser unha proposta socialdemócrata clásica, o que a sitúa obxectivamente á dereita de segmentos sensíbeis do electorado da esquerda.

En definitiva, todas as pezas, absolutamente todas, xiraron cara á dereita e así naturalizaron e criaron o espazo polo que se filtrou Vox.

Mais a responsabilidade da emerxencia da ultra-dereita vai alén da esfera partidaria. Os mass media amplificaron ad nauseam o discurso españolista, xenófobo, homófobo, machista e anti-nacionalista de Vox. A hexemonía conservadora nos meios é absoluta, tamén no mundo dixital, non nos enganemos (números cantan), así que a esquerda xoga sempre con desavantaxe. Aliás, a cociña demoscópica maquillou á baixa as expectativas do partido liderado por Santiago Abascal. Parte do electorado da esquerda ficou na casa porque en ningún momento podía sospeitar que estaba en risco a hexemonía electoral do combinado PSOE-Adiante Andalucía. A desmobilización progresista ten a ver primeiro coa desafección co Goberno Díaz (fenómeno semellante ao experimentado en Brasil co PT) e despois co feito de que a suma de IU e Podemos resta (hai electores do partido de Pablo Iglesias alérxicos ás propostas da esquerda marxista e hai electores do partido de Alberto Garzón refractarios ás receitas pos-modernas da formación morada).

E logo está o factor catalán. No xogo de acción-reacción inevitábel entre a nación catalá e España como construción histórica ten toda a lóxica que a resposta española á emerxencia do independentismo fose a radicalización españolista da dereita. Se a réplica de Madrid á decisión do bloco independentista de organizar un referendo autodeterminista foi puramente represiva —os presos cataláns levan na cadea un ano sen teren sido aínda xulgados, con absoluto desprezo á súa presunción de inocencia—non nos debe estrañar en absoluto que apareza unha formación política que de forma desacomplexada poda ser percibida por segmentos representativos do electorado como a encarnación da España auténtica. En todo caso, este proceso leva por diante a unificación do bloco conservador, a obra de Manuel Fraga. Hai momentos en que se suma máis atomizados do que unidos. O que desunen as urnas (até tres opcións distintas) despois se ha de unir sen problemas nos parlamentos cando o pegamento (o españolismo) é suficientemente poderoso.

Esta é a situación. Moi preocupante de todos os pontos de vista. E non hai espazos blindados. Nin sequer o da Galiza hexemonizada polo PP. O contaxio no noso país pode acabar resultando en dous fenómenos facilmente previsíbeis: na dereita, unha aínda maior fragmentación e, no campo da esquerda, o espello de Andalucía (que reproduce a dinámica xa observada nas eleccións xerais de xuño de 2016, con Podemos e IU a obter por xuntos un millón de votos menos que por separado) talvez acelere as tendencias desagregadoras que agora se manifestan con toda crueza no seo de En Marea.

Comentarios