Opinión

Todas putas

O artigo terceiro da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero


O artigo terceiro da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero define unha das formas de violencia machista como segue: “Acoso sexual, que inclúe aquelas condutas consistentes na solicitude de favores de natureza sexual, para si ou para unha terceira persoa, nas que o suxeito activo se prevale dunha situación de superioridade laboral, docente ou análoga, co anuncio expreso ou tácito á muller de causarlle un mal relacionado coas expectativas que a vítima teña no ámbito da devandita relación, ou baixo a promesa dunha recompensa ou dun premio no ámbito desta.”

Non pode ser máis clara a definición, nin máis vergoñenta a resposta do goberno galego que lexitima, tapa e parapeta a un representante público denunciado por acoso sexual. Hai persoas que saen entolecidas a pedir dimisións aos imputados por corrupción e agora ou calan ou falan coa boca pequena. Pero claro neste caso hai un pacto non escrito de comprensión, de tolerancia, de aceptación. Poucas esceas ou episodios diso chamado vida pública exemplifican o machismo que aniña en todos os recunchos da nosa sociedade como o caso Baltar. A asimetría no trato e recoñecemento de homes e mulleres é tan manifesta que un Presidente do goberno pode defender con total tranquilidade a un acusado de acoso sexual e non pasar nada.

A asimetría no trato e recoñecemento de homes e mulleres é tan manifesta que un Presidente do goberno pode defender con total tranquilidade a un acusado de acoso sexual e non pasar nada

En só dous días a muller pasou de acosada a culpábel. Agora ela será a xulgada en xornais, radios e tertulias para volver a revitimizala. Non faltarán homes que mostrarán a súa complicidade co acosador, xa está aberta a veda. Tampouco faltarán mulleres que comprensivamente co acosador esgriman aquilo de xa se sabe como son algunhas. Pode alguén sorprenderse de que as mulleres dubiden se denunciar ou non aos acosadores, os violadores ou os maltratadores?

As mulleres que sofren violencia son as únicas vítimas que ven cuestionada a súa versión polo peso de séculos de prexuízos e estereotipos. Son as únicas vítimas que sofren escarnio público e o desprezo porque xa se sabe que desde antigo cando unha muller é violada... andaría provocando. Xa se sabe que cando unha muller é maltratada... algo faría. Agora tamén sabemos que cando unha muller denuncia acoso sexual... algo buscaría.

Hai feitos que fan indignas as persoas para representarnos en cargos públicos. O acoso sexual éo. Permitilo e encubrilo tamén.

 

Comentarios