Cultura

Verto: "O título do disco vén dunha entrevista no 'Sermos Galiza'"

Verto publica o seu primeiro álbum, Puro Ocio, un traballo autoeditado
WhatsApp Image 2020-03-13 at 13.31.06
photo_camera Os compoñentes de Verto, Alberto Mira (Berto) e Fernando Peleteiro (Fer), tiran un selfie.

Xa se pode escoitar o primeiro disco de Verto, Puro Ocio, un proxecto de Alberto Mira (Berto) e Fernando Peleteiro (Fer), dous estudantes de Medicina que producen música de festa. En apenas uns meses lograron converterse nun auténtico fenómeno da música galega entre a mocidade.

Que vai atopar a xente que se escoite Puro Ocio?

Puro Ocio [rin]. A nosa idea co disco é facer, como até agora, a música que nos mola na lingua que falamos habitualmente, que é o galego. Sinceramente, queremos que a xente desfrute das cancións, que son a nosa maneira de expresarnos como artistas. Aí vai o concepto do álbum: música para pasalo ben e punto. 

Nese senso, o título é unha declaración de intencións.

Si, un título que casualmente saíu dunha entrevista no Sermos Galiza, na que vos puxerades o concepto de Puro Ocio. Encantounos e tivemos claro que esa era a senda que iamos coller desde entón.
 
Como foi a gravación?

Foi un proceso moi intenso. Decidimos sacar un álbum e de súpeto comezamos a confirmar concertos para un repertorio que non tiñamos aínda. Metémonos sos moita presión para en mes e medio gravar todas as cancións. Xeralmente a un ocorríaselle a idea, eu [Fer] que levo a produción traballaba pola miña conta matizando cousas, logo gravabamos xuntos. As últimas semanas foi todo mesturar e masterizar, cousas que aprendemos con tutoriais de Youtube desde que comezamos. Foi un pouco inferno, pero unha experiencia super gratificante. Estamos moi orgullosos porque é un produto co que nos sentimos identificados. Persoalmente, eu [Verto] estou moi feliz cun solo de guitarra. Cómpre destacar que sempre que se escoita unha guitarra é Verto e un piano é Fer.  

Como levan o estoupido de fama de Verto? 

Ten cousas boas e malas, pero máis das primeiras. O boom que tivo "Oie gallego" foi unha motivación para sacar o disco, porque vías que o que faciamos estaba calando na xente. Logo hai partes máis raras, como que cando saímos de festa alguén che bata nas costas e che diga algo. Normalmente é xente moi amábel, os que non coñecen os límites son os menos. A min [Fer] o que máis me gusta é facer música e préstame que se estea escoitando tanto en galego, logo que te paren para pedirche fotos é algo co que  aínda estou aprendendo a lidar. 

Viuse a estrea afectada polo coronavirus?

Si, a data do primeiro concerto (aínda sen anunciar) era o 7 de maio na Malatesta (Santiago) e non sabemos se se poderá facer. Logo temos confirmacións para festivais en xullo e agosto que agardamos que se manteñan. Imos ir ao Osa do Mar, ao Antros Pinos seguramente... Aínda estamos comezando a ver como facer os concertos, porque temos música moi producida e aínda non sabemos como van ser os directos, é algo por explorar. Todo isto é novo para nós. 

Comentarios