As titulacións das universidades galegas para o persoal do sector financeiro, vetadas polo Banco de España

A lista de entidades e empresas certificadoras que vén de publicar o Banco de España para validar as formacións do persoal do sector financeiro exclúe as universidades galegas. A CIG denuncia que ningunha das titulacións que se ofrecen nos campus da Galiza terán validez, como tampouco o certificado de acreditación por experiencia.

Banco de España (Madrid)
photo_camera Banco de España (Madrid)

O Banco de España non valida ningunha titulación das universidades galegas para o persoal do sector financeiro. Denúnciao a CIG após comprobar que na listaxe de entidades e empresas certificadoras, así como das formacións consideradas válidas, publicada polo Banco de España, non aparece ningunha das titulacións das universidades galegas. Tampouco terá validez, advirte a CIG, o certificado de acreditación profesional por experiencia.

A listaxe do Banco de España responde á Lei 5/2019, de 15 de marzo, que regula os contratos de creto inmobiliario e obriga os cadros de persoal das entidades financeiras que comercializa, asesora ou deseña empréstitos hipotecarios, a certificarse, é dicir, a recibir unhas formacións acreditadas sobre esta materia.

Para a CIG existe un responsábel máximo: o Goberno galego, ao que acusa “do desleixo máis absoluto”. Afirma o sindicato que se están estabelecendo como obrigatorias para traballar no sector financeiro “titulacións e formacións de entidades ou empresas privadas (mesmo entidades dos propios bancos), en detrimento das titulacións públicas”, unha práctica que ve como “un chanzo máis na privatización do ensino”.

Non é a primeira vez, salienta a CIG, que acontece algo semellante. Lembra que cando a Comisión Nacional de Mercados de Valores (CNMV) comezou a requirir formación ao persoal das entidades financeiras que informaba ou asesoraba sobre produtos complexos “ningunha titulación oficial galega fora validada”.

“No canto de poñer couto ás políticas comerciais das entidades financeiras, de vixiar e restrinxir a comercialización de produtos complexos, ou de que os organismos públicos competentes en materia de supervisión vixíen as cláusulas dos contratos bancarios, a lexislación opta por trasladar a responsabilidade á clientela e aos cadros de persoal das entidades”, alerta a CIG.

O sindicato denuncia que os traballadores e as traballadoras están obrigadas a recibiren unhas “formacións inútiles, como se o modelo dos contratos dos préstamos hipotecarios, nomeadamente as cláusulas dos contratos, non fosen fechados e sen posibilidade de modificación por parte do persoal das oficinas”.

Comentarios