Tirapuxas na negociación post Brexit

O negociador británico para o acordo post Brexit, David Frost, acusou onte a Unión Europea de estar incluíndo novas propostas no proceso de negociación, especialmente no tema da pesca.
frost-barnier
photo_camera Davis Frost e Michel Barnier (dpa)

O negociador británico para o acordo post Brexit, David Frost, acusou onte a Unión Europea de estar incluíndo novas propostas no proceso de negociación e reclamou un cambio de enfoque por parte de Bruxelas de cara á próxima rolda de xuño.

Nun comunicado ao termo do seu encontro por videoconferencia co negociador xefe da UE, Michel Barnier, Frost desvelou que se fixeran "moi poucos progresos cara ao acordo nas cuestións máis significativas que continúan pendentes".

O ministro británico sostivo que o acordo comercial coa UE poderíase fechar "sen grandes dificultades" no tempo previsto antes de finais de ano, mais "o principal obstáculo é a insistencia da UE de incluír unha serie de novas e desequilibradas propostas" que suporían "atar" o Reino Unido "ás leis ou estándares" comunitarios ou "determinar os nosos réximes legais domésticos, dunha forma que non ten precedentes nos acordos de libre comercio e que non está prevista na Declaración Política".

Acceso a caladoiros

O negociador de Londres fixo alusión especial á pesca, criticando que "a UE segue insistindo en acordos de caladoiros e acceso ás augas de pesca británicas nun modo que é incompatíbel co noso futuro status como Estado costeiro independente".

Segundo David Frost, "axiña que a UE recoñeza que non pecharemos un acordo sobre esa base, seremos capaces de avanzar". Por iso, defendeu a necesidade "dun cambio no enfoque da UE para a próxima rolda que comeza o 1 de xuño".

Para iso, adiantou que Londres publicará "todos os borradores de textos legais" a próxima semana para que os Estados membros "poidan ver o noso enfoque en detalle", algo que Bruxelas vén reclamando desde o inicio das conversas.

"O Reino Unido continuará a traballar duro para atopar un acordo, a condición de que haxa un proceso construtivo en marcha, e segue a crer que iso é posíbel", dixo Frost ao termo desta terceira rolda.

Comentarios