Imprimir

Tímpanos medievais da Galiza: A rosa e o rostro en San Miguel de Eiré

Lois Diéguez | 14 de xaneiro de 2021

Igrexa de San Miguel de Eiré, en Pantón. (Foto: Lois Diéguez)
Igrexa de San Miguel de Eiré, en Pantón. (Foto: Lois Diéguez)
O Mosteiro, como se lle chama popularmente á igrexa de San Miguel de Eiré, fica na parroquia do mesmo nome, a uns catro quilómetros de Ferreira de Pantón. Pouco antes de chegar aínda se ven os muros da que foi casa do avó de Ánxel Fole. Chámanlle Mosteiro porque este existiu realmente, xa no século XI, de freiras bieitas, mais nada queda del, a excepción da igrexa, que agora imos visitar. Enriqueceuno Afonso VII, o Afonso Reimúndez que coroara como rei da Galiza na catedral de Santiago o bispo Xelmírez, en 1110. Tamén tivo beneficios doutra dama da nobreza, Esclada Ordóñez Esclavaria, e documéntanse abadesas como Eldonza, María Pérez ou Aldara Fernández. En 1964 foi declarada Monumento Nacional. 

San Miguel de Eiré, obra da segunda metade do século XII, componse dun alto volume prismático cerrado polo lado leste por unha ábsida con treito rectangular. Unha soa nave, pois, interceptada apenas por outra que vén formar a falsa nave transversal sobre a que se ergue a fermosísima e tan orixinal Torre Campanario, moi destacada tamén no propio conxunto monumental. Desde calquera punto da paisaxe chamará, vigorosa, a súa presenza.

A historia da igrexa ficou acariñada por unha lenda popular referida a un feito importante sucedido no mosteiro. Fronte a ela, pola esquerda, vese un cordal montañoso que leva o nome de Pedragude e a lenda conta que o mosteiro rexentado polas monxas bieitas, nun momento da súa historia, foi atacado por unha praga de formigas que as obrigou a fuxir. A abadesa botou monte arriba e alí, nunha pena (Pena da Abadesa se lle chama desde aquela), foi comida polos bichos. Segue afirmando a voz popular que o feito quedou esculpido nun capitel da xanela central da ábsida exterior onde se mostran cuadrúpedes como a vista de paxaro, que o pobo da zona interpretou como formigas.

Deixará esta historia a lembranza do propio decaemento do mosteiro na fin do século XV e principios do XVI, cando pasou a depender doutros con máis poderío?

Dado que a igrexa formaba parte do mosteiro, a verdadeira fachada está no lado norte, onde se atopa a Porta fermosa decorada con íntimos e curiosos detalles a descubrir. A que sería a principal, ao oeste, que sobresae en frontón triangular sobre o tellado, mostra unha porta en arco sinxelo, sen tímpano, e sobre ela, outra que realmente sería a porta de comunicación co mosteiro; e unha máis sobre estas dúas, elevada, xa que logo, e máis traballada, con arco axadrezado e capiteis de anchas follas.

O medio círculo das doelas remárcase entre un arco axadrezado e outro en toro estriado decorado con boliñas

Gozaremos da arte arquitectónica se lle buscamos o corazón: a man e a cabeza que modelaron o Templo pedra a pedra. E esta escóndese, principalmente, nesta Porta Norte, que acada a maior representación da rosácea nas once doelas todas elas diferentes, coroadas na clave por un Agnus Dei coas letras AGN (Agnus) baixo o pezuño dianteiro. O medio círculo das doelas remárcase entre un arco axadrezado e outro en toro estriado decorado con boliñas. Na mocheta esquerda, entre dúas volutas, ás, ou ramallos, e mesmo cornos (referenciarían, segundo algúns autores, ao deus celta Cernunnos) asoma un rostro a mirar para a terra, barbado, cunha man que parece acariñar o queixelo.

Outra interpretación sería a representación de Mateo (man do home) e Xoán (ás da aguia) na mesma figura, compondo, pois, dous evanxelistas do Tetramorfos. Tamén o capitel que a acompaña mostra follas con dous rostros incrustados e invertidos, mirando cara ao ceo, un cos ollos cerrados (meditación), e o outro con eles abertos (coñecemento).

A mocheta dereita ten dous animais alados, con cabezas de homes voltas do revés e con cornos e pezuños de touro, un, e de león o outro. Sobre as cabezas, separadas, as letras LU e MA. Xosé Lois García, Xaime Delgado ou Flora Enríquez, con bo acerto, interpretan os evanxelistas Lucas (o do Touro) e Marcos (o do León), contra visións menos convincentes de posíbel referencia a Lucas Magister, autor do Templo. Mais o mestre de Eiré é Pedro, segundo descubriu Ricardo López Pacho nun canzorro da ábsida e tamén no interior da igrexa. Con estes outros evanxelistas, pois, o Tetramorfos quedaría completado. O capitel á beira desta mocheta dereita volve ás ramas decoradas con follas e rosetas rematadas en esfera. Un traballo delicado e maxistralmente logrado, abofé. 

Esta Porta Norte, no seu conxunto, é como unha entrada á creación e segredos do mestre Pedro, espallados tamén polo resto do Templo, co seu trazo orixinal e delicado

O tímpano, en lintel rectangular non orixinal, decórase con círculos de entrelazos para agacharen a cruz patada, como na igrexa de Augas Santas, preto desta, achegándonos así ás insculturas dos petróglifos e ao coñecemento oculto dos iniciados. Sobre este lintel, hai outro máis pequeno en tres pezas de mármore, que sería o que queda do orixinal, con lazos máis acaídos. Polo interior da igrexa, as doelas do tímpano coas rosáceas aparecen con letras gravadas en cada unha delas.

Esta Porta Norte, no seu conxunto, é como unha entrada á creación e segredos do mestre Pedro, espallados tamén polo resto do Templo, co seu trazo orixinal e delicado, pouco frecuente na Galiza. Sinxela na estrutura, e brillante na súa iconografía como unha xoia. 

O interior da igrexa acolle pola penumbra da nave fendida polos tres ollos luminosos das xanelas absidais. Ampla decoración ofrece, comezando polos símbolos propios do rostro e da rosa, singularizados nos chafráns das columnas cortadas a ambos os lados do arco de entrada á falsa nave transversal sobre a que se ergue a Torre. Capiteis de nervios arqueados rematados en cabezas de cabalos ou vexetais (outra característica singular do mestre de Eiré), ou acios de piñas (inmortalidade), ou cuadrúpedes (leóns dándose a man). Perpiaños con símbolos de canteiros. Pinturas na ábsida, do século XVI, representando o Pantocrátor entre a Virxe e San Xoán, coa deliciosa greca das ánimas do Purgatorio na parte inferior. Un fermosísimo San Miguel que parece obra de Cornelis de Holanda (no outono os fregueses ponlle un acio de uvas na man, pois esta é terra da Ribeira Sacra sonada polo seu viño), e un interesante Santiago Peregrino nos dous arcosolios dun dos muros. Un resto de xanela aximezada con arcos en ferradura, que nos fala dunha igrexa anterior, posibelmente do século X, igual que a pequena pía da entrada, de sinxela decoración; outra, bautismal, cinguida por un destacado sogueado, presenta simboloxía de castelos, cruces patadas e flores de lis. E a cela máis sagrada do templo, que sería o Presbiterio, co monumental Arco Triunfal, de catro arquivoltas lisas e capiteis vexetais co xa coñecido como característica propia do mestre Pedro e o seu remate en cabezas de cabalo.

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/cultura/timpanos/20210113181655113675.html


© 2021 Nós Diario