Remata o sábado en Corcubión

“Ti tamén contas” leva a solidariedade a 24 concellos do país

Este sábado, 26 de decembro, remata a xira “Ti tamén contas”, unha iniciativa do Fondo Galego de Cooperación, xunto con A Tropa de Trapo, que levou a 24 concellos galegos reflexións sobre a solidariedade, o materialismo ou a diversidade cultural.

a tropa de trapo

Tras percorrer 23 concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, Corcubión acolle este sábado, 26 de decembro, o derradeiro espectáculo de A Tropa de Trapo no marco da xira “Ti tamén contas”, unha iniciativa que lle trasladou ao público infantil a relación entre a abundancia e a felicidade, o consumo responsábel ou a importancia da cooperación.

A capacidade de acción para cambiar as cousas, a forza dos diferentes grupos sociais e a loita contra os prexuízos foron algunhas das cuestións representadas

Ao público adulto trasladoulle a importancia dos pequenos retos cotiás, as historias das mulleres que se organizan rompendo tabús relixiosos para acadar a paz ou a diversidade de respostas que culturalmente se lle poden dar a un problema. A capacidade de acción para cambiar as cousas, a forza dos diferentes grupos sociais, a loita contra os prexuízos, o poder dos soños ou o valor da liberdade foron outros dos temas abordados nas sesións, que culminaron nunha escena de teatro-foro, técnica do teatro do oprimido na que se amosa un conflito e o público representa as solucións.

"Ti tamén contas" é o terceiro espectáculo no que colaboran a compañía compostelá e mais o Fondo Galego e que desde marzo pasou polos escenarios de Carballo, Laxe, Culleredo, Sandiás, Pontecesures, Moraña, A Laracha, Ourense, Cabanas, Porto do Son, Cuntis, Tomiño, Malpica, Mondoñedo, O Barco, Bergondo, Oleiros, Pontevedra, Poio, Fene, Burela, Arteixo e Vilar de Santos.

Comentarios