CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'The assassin'

Nie Yinniang (Shu Qui) regresa ao fogar familiar tras varios anos exiliada nos que foi adestrada nas artes do sixilo e a morte até se converter nunha asasina sen rival. A nova misión será a de matar ao seu primo Tian Ji’an (Chang Chen), gobernador de Weibo, co que garda poderosos lazos.

the-assassin-

A última película de Hou Hsiao-Hsien acadou o Premio a Mellor Director no pasado Festival de Cannes e xa encabeza varias listas en diversos medios especializados como a mellor película do ano. Parece que, de momento, hai bastante unanimidade por parte da crítica, mais non do público... Para uns obra mestra, para outros un truñaco infumábel.

The Assassin é unha película de xénero, de xénero wuxia para ser concretos. Un concepto que se escapa para a maioría do público occidental pero que encadramos mellor se dicimos que é de “artes marciais” ao estilo Tigre e Dragón (2000, Ang Lee), A Casa das Dagas Voadoras (2004, Zhang Yimou) ou Iron Monkey (1993, Yuen Woo-Ping). Todas conteñen unha serie de elementos e parafernália comúns que definen á perfección o xénero wuxia: un personaxe heroico solitario, un mestre que soe ser barbudo, moito naturalismo, feudalismo, fantasía e pelexas imposíbeis perfectamente coreografiadas.

As tramas xiran entorno ao honor, a rectitude e un misticismo moi próximo ao budismo. En The Assassin cámbiase o rol, habitualmente masculino, por un feminino. Shu Qi (Millenium Mambo, Transporter) interpreta a Nie Yianniang, unha nova asasina destra no arte da loita e o aceiro pero tamén de bo corazón. A súa mestra, para pór a proba a súa determinación, encoméndalle matar ao seu primo Tian Jian (Chang Chen), gobernador de Weibo. Un primo co que mantén algo máis que lazos familiares e que será a proba definitiva de que é unha digna membro do milenario Clan dos Asasinos. Só matando a quen máis quere poderá acadar a perfección. Ambos, Chang Chen e Shu Qi, xa coincidiran en 2005 na romántica Tempos de amor, xuventude e liberdade, tamén dirixida por Hsiao-Hsien coa que tamén optou en Cannes á Palma de Ouro.

The Assassin introduce todos os elementos chave do wuxia, todos... pero faino dunha maneira moi particular. Cada plano e composición desprende unha elegancia e beleza fora do común. Preciosas imaxes baixo unha dirección soberbia e delicada ao compás da minimalista banda sonora de Lim Giong, merecedora tamén do Premio a Mellor Banda Sonora en Cannes, a base de instrumentos típicos chinos, coma o ku (tambor xigante) ou o guqin (instrumento de sete cordas). No clímax final hai un sorprendente contraste musical cando escoitamos de súpeto un punteiro (si, así é) seguido dunha partitura de influencia celta desas que animan o espírito e case invitan a botarlle un baile. Mágoa que sexa xusto ao final que a cousa se anima un pouco, porque a narración... Que dicir da narración... A narración flúe como flor de loto na quietude do solpor dun lago calmo a ritmo do abaneo dun mar de bambú agarimando as cordas do guqin. Unha parsimonia só interrompida por un par de pelexas que xorden de maneira abrupta e fugaz. Non é que Hsiao-Hsien revitalice o xénero ou o reinvente, máis ben o deconstrúe nun prato cociñado en exclusiva para cinéfilos de padal exquisito ou espectadores con gaña de cinema gourmet.

Comentarios