Opinión

Teses baixo sospeita e descapitalización da universidade pública

 

A universidade pública española está a vivir días moi grises. Cando aínda resoaban os ecos  do “caso Cifuentes” (do que xa falei neste mesmo xornal), a dúbida caeu sobre a forma de obtención dos estudos do actual presidente do PP, Pablo Casado. Algún tempo despois, o propio presidente do Goberno, Pedro Sánchez, vía cuestionada a calidade e lexitimidade da súa tese de doutoramento.  A partir deste intre, os titulares da prensa española enchéronse de vocábulos descoñecidos para moitas persoas: plaxio, Turnitin, PlagScan, TESEO...  O punto culminante chegou cando ducias de xornalistas comezaron a facer cola para consultar a famosa tese de doutoramento, que ata ese momento durmía placidamente na biblioteca da universidade (privada) Camilo José Cela, ás aforas de Madrid. Nun país con baixísimos índices de lectura e esfameados orzamentos para a rede de bibliotecas públicas, o récord de visitas acadárono 324 páxinas dun texto técnico e denso que probablemente moi poucas persoas teñan lido na súa totalidade. 

 

De súpeto, unha febre percorre o Congreso poñendo baixo sospeita o currículo académico de calquera persoa que teña unha responsabilidade política. Vaia por diante que, para min, un título universitario non me di nada a respeito da calidade de ninguén para ser bo ou mal gobernante. Entendo que o entusiasmo, a honradez, a ética e o espírito de servizo á colectividade son os únicos títulos válidos que debe posuír quen queira dedicarse á política activa. Para obtelos non é imprescindible pasar por unha Facultade, pero si é imprescindible unha boa educación. Por iso, esta preocupación polo plaxio e por comprobar se as aspas están onde deben nun texto académico está agochando, penso, as claves para facer unha análise crítica e realista dos males que están a rillar a medula da universidade que pagamos todos e todas.   

 

Cando gañei os meus contratos na Universidade de Vigo por concurso de méritos, tiven a oportunidade de estar en contacto con ducias de estudantes en titulacións de Humanidades. A docencia foi para min moito máis que unha liña que engadir ao meu currículo: foi toda unha experiencia a nivel persoal e humano. Comprendín claramente a grandeza do ensino público, e tamén o difícil que resulta traballar nun país que non ten como prioridade o I+D+i.  Esta é a ferida de fondo na que hai que botar o sal, e non o número de títulos que un político ou política é quen de acumular. 

 

Un título universitario non me di nada a respeito da calidade de ninguén para ser bo ou mal gobernante

 

Este frenesí polos diplomas acreditativos sería incomprensible sen analizar os cambios operados no derradeiro nivel de ensino nos últimos anos. A adaptación ao chamado Espazo Europeo de Educación Superior trouxo consigo unha nova estrutura das ensinanzas e a necesidade de engadir un Mestrado a unhas ensinanzas que ata ese intre resultaban suficientes por si mesmas para entrar no mercado laboral. Eses novos estudos implican a realizacións de traballos de investigación orixinais, que se multiplican exponencialmente cada ano. Os alumnos e alumas de novo ingreso permanecen máis tempo no sistema, e moitos dos que estudaron polos plans antigos entenderon (ou vendéronlles) que era bo cursar tamén un posgrao para non quedar en desvantaxe, baixo a promesa dun futuro mellor. Abríase así un novo público potencial para os centros de ensino e todos querían a súa parte do pastel. Quen sae gañando? Sen dúbida, o ensino privado que floreceu coma os fungos no outono. Algúns datos para contextualizar: das 84 universidades que conforman actualmente o sistema universitario do Estado Español, 34 son de titularidade privada. Segundo un informe da Fundación BBVA, esta cifra supón que o número de centros multiplicouse por 5 nos últimos 20 anos. Case 250.000 estudantes cursan estudos nalgún deles, e 1 de cada 3 está realizando estudos de posgrao. Unha porción demasiado apetecible como para deixala escapar.

 

Das 84 universidades que conforman actualmente o sistema universitario do Estado Español, 34 son de titularidade privada   

 

O que estamos descubrindo no seo da Universidade Rei Juan Carlos resulta vergoñento e insultante cando todos e todas coñecemos as consecuencias da prolongada crise económica que aínda nos abafa: as taxas son cada vez máis altas, hai menos bolsas de estudo e danse menos apoios para estudantes en desvantaxe social. Que un catedrático dun centro público poida conducirse coma un capo mafioso sen que ningunha instancia de control faga nada é síntoma dun nivel de corrupción inaudito. Que xusto cando a prensa dedica páxinas e páxinas á tese de Pedro Sánchez “desaparezan accidentalmente” máis de 5.000 correos electrónicos con valiosa información sobre as prebendas outorgadas a alumnado “ilustre” pola súa relevancia política amosa ben ás claras cal é o verdadeiro problema: intentar manter tapado unha sumidoiro que, certamente, fede cada vez máis forte. 

 

O fenómeno do plaxio interésame como fenómeno educativo desde hai polo menos 10 anos. Como ex docente e documentalista, considero que copiar sen citar é unha falta de ética moi grave, e desde a miña modesta posición tento facer divulgación a través do meu blog para explicar que é, como evitalo e como se custodian as teses e TFM nas universidades españolas. Se calquera persoa comete fraude na obtención da súa titulación (sexa a que for) obviamente debe pagar un prezo. Para este baile fan falla dous: tanto quen ofrece ir polo atallo (a cambio de que?) como quen recibe o título sen esforzo teñen a súa parte de culpa e deben purgala. Pero non estou disposta a admitir que se utilice esta “febre dos títulos” para desprestixiar sen mais todo o ensino superior sufragado con fondos públicos. Que ninguén se leve a engano: non o fago por corporativismo (a fin de contas, xa non son docente), senón por ética persoal. Nacín muller, nacín con discapacidade e  nacín nunha familia de clase traballadora. Puiden estudar grazas a bolsas. A educación pública é o último bastión que nos permite resistir a todas as crises que viñeron e que virán. De aí que para o neoliberalismo sexa tan importante descapitalizala. De aí que, hoxe máis ca nunca, sexa indispensable exercer a crítica e poñer o foco onde corresponde: non á corrupción na universidade, si ao re-investimento, si á consolidación de persoal investigador e si á investigación financiada con cartos públicos. Sen PlagScan nin Turnitin, por favor.

  

Comentarios