O terror en Colombia volve estar ligado ao Exército

Violación dunha nena indíxena por soldados.
colombia

O exército colombiano volve, unha vez máis, estar ligado coa historia máis negra de Colombia. As forzas armadas daquel país teñen un pasado no que abundan múltiples prácticas de guerra suxa e de violacións de dereitos humanos, en ambas as dúas moitas veces cos pobos indíxenas como vítimas.

A iso engadíronse prácticas delitivas de todo tipo por parte de mandos militares e mesmo tamén de membros da tropa. Os acordos de paz asinados coa guerrilla da FARC en 2016 levaron a unha esperanza da fin da impunidade para os militares e mudanzas nos comportamentos do exército. 

 Porén, estes días, o nome do exército volve estar relacionado co terror en Colombia. O motivo, a violación en grupo por varios militares dunha nena indíxena. 

Secuestrada

"Secuestrada e abusada  sexualmente por un grupo indeterminado de soldados do Exército de Colombia". Así define Juan de Dios Queragama, líder dos indíxenas  embera e gobernador maior do grupo, o sucedido cunha menor de 13 anos da súa comunidade.

Segundo relata, o feito sucedeu en Santa Cecilia, unha poboación rural no departamento de  Risaralda (este) o domingo pasado.

O caso conmocionou diferentes sectores de Colombia, provocou unha enérxica mostra de repudio de parte do Goberno, que mesmo falou de cadea perpetua, e xerou que o comandante do exército tivese que se trasladar á rexión onde se produciu o feito. Sete soldados recoñeceron culpa pola violación e están "tras as reixas" , segundo informou o fiscal xeral Francisco Barbosa.

"Non é unha excepción"

"Non é ningunha excepción. Esa é a realidade de moitas das nenas indíxenas", afirmou a BBC Mundo Armando  Valbuena, voceiro da Organización Nacional Indíxena de Colombia.

O líder social sinala que as menores de comunidades como os  embera,  wayúu ou  afrocolombianas nas zonas rurais do país non só sofren de vexacións por parte de soldados, senón tamén por grupos armados irregulares e de "os paramilitares, que seguen crecendo". 17 organizacións indíxenas impulsaron un documento contra esta situación. 

Comentarios