DANIEL ASOREY, GAÑADOR DO PREMIO REPSOL DE NARRATIVA BREVE

“Que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado?”

Unha historia sobre unha Galiza independente con colonias de ultramar vén de gañar o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016. E o seu autor é Daniel Asorey, un profesor de ensino medio que salta deste xeito á palestra da literatura galega cunha novela ucrónica, ‘Nordeste’, que fabula a partir dunha Revolución Irmandiña que triunfou. 

danielasorey
photo_camera Daniel Asorey

- Vés de gañar o Premio de Narrativa Breve Repsol 2016 por unha novela ucrónica que acontece nunha república galega e no Brasil. Cóntanos máis dese libro que poderemos ler a partir de novembro en Galaxia. 
- A historia vai sobre tres mulleres en varios momentos históricos, con amor de mulleres tamén. Unha sería a mediados do século XVII, e outra acontecería nos anos 30 do século XX. Hai tres mulleres en tres momentos determinados.  A historia comeza cunha foto dunhas decapitacións, que foi a que inspirou a novela. Decapitaron a uns ‘cangaçeiros’, unha especie de bandoleiros que existiron no ‘sertao’ do nordeste brasileiro e que coa época do Estado Novo [ditadura portuguesa do s. XX] acabaron sendo perseguidos e aniquilados. Dentro da mitoloxía popular brasileira, eran xente que roubaba aos ricos para lle dar aos pobres, aínda que cometeran crimes terribles. A historia comeza con esa foto, que son sete cabezas dunha banda famosa no Brasil, e unha xornalista tirando unha foto. Unha das protagonistas é unha desas mulleres que logo foron decapitadas, María, que é unha gran bandoleira; outra sería a fotógrafa, que se chama Matilda en honor a Ruth Matilda Anderson. E a outra sería unha vedora, un cargo que eu inventei, unha inspectora ou algo así do século XVII nunha suposta República das Santas Irmandades da Galiza. Esta ucronía sae dunha pregunta: que tería pasado se os Irmandiños tivesen gañado? Entón podería ser que tivesemos unha república galega, que se cadra puido ter loitado polos territorios que tiña Portugal no nordeste de Brasil, como fixo Holanda. E que fariamos alí? Seguramente practicariamos o colonialismo. Hai algo importante na novela, que é a Compañía Galega de Indias, que tería traficado, como fixeron os holandeses e os ingleses. 

cangaceiros

- E teriamos escravos, claro. 
- Non vou desvelar, pero hai algo diso. Hai unha muller, que é unha vedora, que vai investigar a Compañía. E logo unha xornalista fai fotos e saca unha reportaxe sobre os que se sublevan. E por outra banda unha desas bandoleiras. Tamén aparece por aí que pode pasar no século XX, cando esa república galega se cadra pode ser acosada por Portugal, polo salazarismo; polo fascismo español, polo nazismo… Unha ucronía, vaia. 

- Conta, tamén tiñamos Santa Inquisición?
- Cando me estiven informando acabei sabendo que a Inquisición Española non foi a única que mataba xente. Os luteranos tamén o fixeron. E inventei que nesa república, para diferenciarse da coroa castelá chegaría aquí a Reforma protestante. Esta novela tamén é unha homenaxe ás mulleres que loitan pola liberdade e a todo o pobo de Brasil que neste momento está a loitar contra o golpe de Estado que acaban de dar contra unha muller. 

Eu quería facerlle unha homenaxe a esa bandoleira e a todas as mulleres que loitan para cambiar o mundo. Eu non son moi optimista, pero creo que as mulleres son as únicas que poden mudar o mundo. 

 

- Pero iso non estaría na túa intención inicial.
- Non, claro. A miña intención inicial parte das miñas viaxes a Brasil, onde coñecín o nordeste, que ten moitas semellanzas e influencias con Galiza. O ‘sertao’ é un territorio pobre e empobrecido onde estiveron os portugueses, pero tamén os holandeses. E aí foi cando pensei: e se tivesemos sido nós os que fomos alí? Eu quería facerlle unha homenaxe a esa bandoleira e a todas as mulleres que loitan para cambiar o mundo. Eu non son moi optimista, pero creo que as mulleres son as únicas que poden mudar o mundo. 

- E logo está a foto. 
- Si, todo partiu da bandoleira María Bonita e desa foto macabra, que é o que me fai darlle voltas ao tema. Foi iso e mais o de “que tería pasado” se este pobo tomase outras decisións históricas. 

Todo partiu da bandoleira María Bonita e desa foto macabra, que é o que me fai darlle voltas ao tema. Foi iso e mais o de “que tería pasado” se este pobo tomase outras decisións históricas.

 

- Non hai moitas ucronías na literatura galega. 
- Hai algunha. E a min é algo que me gusta moito porque che permite crear mundos propios. 

- Publicaches en 2003 un relato dentro dunha obra colectiva titulada ‘De soños e memorias’ , así que podemos considerar ‘Nordeste’ a túa ‘opera prima’. 
- Si, como novela independente, porque teño publicado relatos, fixen libros de texto e fago reseñas, pero esta vai ser a miña primeira novela publicada. 

- E tes algún proxecto máis na gaveta?
- Si, teño outra novela pendente de publicar, pero da que non podo falar aínda.