Tereixa Novo competirá con Callón nas primarias de IpU da Coruña

Tereixa Novo competirá con Carlos Callón nas primarias de Iniciativa pola Unión na provincia da Coruña. É o único caso no que hai máis dunha candidatura e Novo confésase desilusionada por iso: “Crin que sería máis participativo”, declarou para Sermos. 

tereixanovo
photo_camera Tereixa Novo

Ex deputada do BNG no Parlamento galego e delegada provincipal de Vicepresidencia no bipartito, ademais de membro de Fuxan os Ventos, Novo tiña claras as razóns para candidatarse: “Quería presentarme no caso de que houbera candidatura unitaria, parecíame algo ilusionante e foi unha decepción que non fora así. Pero logo de que non foi posible decidín apostar por IpU, poque me sinto moito máis identificada con este proxecto, dentro dun proceso aberto á cidadanía”.

Sen embargo, confesa que ser o único caso no que haberá máis de unha candidatura non lle gosta: “Que só haxa máis candidaturas que unha no caso da Coruña provócame desilusión, eu crin que sería máis participativo”. Pero sinala: “Eu non lle teño medo a nada, quero presentarme para que haxa debate, que haxa alternativa e participación. Está claro que eu vou pola miña conta exclusivamente, como pensei que habería moitas outras persoas que o farían. Ogallá saia eu e sexamos catro candidatas mulleres”. 

Novo non quere falar de competencia con Carlos Callon -“formamos parte do mesmo proxecto”, di-, mais salienta as súas fortalezas: “Eu son unha muller e teño moitos anos de experiencia na vida política, social e cultural. Levo desde os 15 anos enriba dun escenario loitando pola lingua, pola cultura e polo país". 

As súas prioridades en Madrid serían “a defensa colectiva dos intereses de Galiza no Estado español, tanto sociais, como económicos e culturais, desde unha perspectiva nacionalista e da defensa deste país”.  

Comentarios