NÉSTOR REGO

"Terá moita relevancia o que poida acontecer nos orzamentos do ano que vén"

Néstor Rego (O Vicedo, 1962) saíu elixido deputado en Cortes nas eleccións do 10-N con 57.765 votos, 9,5% do total da circunscrición da Coruña. O BNG regresa ao Congreso despois de catro anos e faino nun contexto político no Estado moi diferente ao de 2015. Ademais, agora, Pedro Sánchez reclama o apoio das forzas independentistas para alcanzar a investidura como presidente. «Hai máis deputadas e deputados soberanistas dos que houbo nunca no Congreso», di Rego, que non desvela as demandas que o Bloque levará á mesa de negociación cos socialistas. Eis un estrato da entrevista publicada no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza.

NESTOR REGO

A entrevista ten lugar na semana seguinte ao 10‑N despois de que Néstor Rego rematase as súas clases no instituto. Son uns días axitados tamén no persoal para el. O político está a punto de aparcar media vida como docente. Esta semana, xa en Madrid, Rego mantivo a primeira entrevista con Adriana Lastra, a persoa encargada polo PSOE das negociacións para a investidura. Rego explicou que o BNG está aberto ao acordo, mais para concretalo precisa poñer en marcha o que denomina a axenda galega. 

Cal é a posición de partida do BNG para negociar a investidura?

Nós dixemos desde o primeiro día que non temos unha posición definida previamente. Queremos tomar decisións con todos os elementos de xuízo sobre a mesa. E eses elementos son tres. Por un lado, o programa de Goberno. Polo outro, a receptividade ás propostas relacionadas con Galiza que nós imos colocar sobre a mesa. E, finalmente, as dinámicas políticas que sexa quen de xerar ese Goberno en relación á plurinacionalidade do Estado e a respecto das nacións e dos dereitos colectivos.

Parece que o apoio do BNG a Pedro Sánchez se dá por feito?

Sorpréndeme certa frivolidade á hora de dar por sentado que o voto do BNG vai ser favorábel á investidura de Pedro Sánchez. Non hai nada diso. Dependerá deses elementos dos que falei antes e a decisión tomarémola no seu momento. A estas alturas todas as hipóteses están abertas.

Tanto ERC como EH Bildu advertiron que o dereito de autodeterminación será prioritario. En que rango das prioridades do BNG está este dereito de cara ás negociacións?

É evidente que nos próximos anos, xunto á defensa dos intereses económicos e sociais do noso país, estará esa liña estratéxica do BNG que é a defensa de Galiza como nación, do dereito de autodeterminación e a reclamación da soberanía para o noso país. E non xa por unha cuestión puramente política, ideolóxica, senón por unha necesidade. Porque a este país vaille mal cando outros deciden por nós. Un exemplo concreto: a crise industrial que estamos a vivir. Hai un instrumento chave que é a política enerxética, que depende do Goberno central, e estamos comprobando como non está facendo nada  por solucionar esa crise. Por iso nós reclamamos a capacidade real de Galiza para decidir sobre os seus asuntos.

nestor-mini

Pero, en que orde de prioridades?

A correlación de forzas que se dá na Galiza non é similar á que pode haber en Catalunya e en Euskadi, onde se produce unha hexemonía das forzas nacionalistas e soberanistas. Nós temos que modular a defensa deses dereitos nacionais. Quero dicir, imos defendelos con firmeza  pero tendo en conta cal é a posición que temos neste momento.

Vai haber coordinación entre as forzas independentistas das nacións á hora de negociar a investidura e no desempeño no Congreso?

Esa é a nosa intención. Imos propiciar un encontro das forzas soberanistas para coordinar as políticas e as accións no que ten a ver cos dereitos nacionais, pero tamén cando toque defender os dereitos democráticos fundamentais. Estamos comprobando que o Estado español utiliza o conflito en Catalunya, como xa fixera antes noutros conflitos, para proceder a unha regresión nos dereitos e liberdades públicas. Parece que isto lles serviu para amparar un proceso de involución democrática. Sentenzas como a do procés son decisións cun claro contido político que criminalizan dereitos esenciais como o dereito de manifestación. Cando se criminaliza o dereito de manifestación, cando se nega, estásenos negando a posibilidade de loitar polos nosos dereitos, por un maior benestar social, por mellores salarios ou condicións de traballo ou servizos públicos… É fundamental defender a democracia neste contexto de regresión, e ese vai ser un dos eixos da actuación do BNG no Congreso. E unindo forzas seremos máis eficaces.

Que lle parece o acordo de Goberno entre PSOE e Podemos?

Polo que temos coñecemento até agora, o acordo é vago, parécenos moi impreciso. Por exemplo, hai cousas nas que ambas as forzas políticas facían fincapé cando estaban na oposición que agora non aparecen. Non se fala da derrogación de medidas antisociais e inxustas como a reforma laboral nin a das pensións nin da Lomce, e tampouco se fala de que facer con leis antidemocráticas como a lei mordaza nin do recente decreto para controlar páxinas web. Mesmo os avances sociais vense claramente limitados no acordo pola referencia expresa aos límites orzamentarios. Nós iremos vendo en que se concreta ese primeiro acordo, pero tanto o que está por escrito como os bandazos que dan esas forzas, especialmente o PSOE, mais tamén Podemos en cuestións como a aplicación en Catalunya do artigo 155, non dan pé a moita confianza.  

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 373 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques] 

Comentarios