Opinión

Ter clase

E n primeiro de primaria eramos 25. Unha revolución. Na porta, alguén tivo a ben escribir unha J ao inicio da "aula" para poñer en evidencia o compoñente salvaxe daquel grupo de mocosas dopadas de enerxía. E o dos mocos non che era ningún conto: se algunha caía enferma, sempre caía algunha máis. Mais, aínda así, aprendiamos.

Cada día, dona María Teresa facíanos anotar a data no encerado. 23 anos despois, non lembro ben a voz daquela profesora, mais continúo a poñer a data cada mañá para saber en que día vivo. O mesmo aconteceu na secundaria coa análise sintáctica das frases e Beti debuxaba caixas con S (suxeito), V (verbo), P (predicado) e CD, CI… (os complementos). Ou en matemáticas, cando Mercedes trazaba parábolas con xices de cores que semellaban arte abstracta. Sen ver como ela facía aquelas figuras na enorme táboa de lousa non tería aprendido nada de eixos, de liñas e da gran metáfora da vida que representan as rectas e as curvas.

Tanto tiña que fósemos cativas, cos cerebros como esponxas, como adolescentes nunha chuvia incesante de hormonas que querían sempre saír pola tanxente e debater sobre calquera cousa nunha clase de tecnoloxía. Non se me ocorre un ensino mellor que aquel no que aprendiamos xuntas. Na universidade, cando comezaron os seminarios online e as plataformas dixitais de almacenamento de apuntes e traballos, non me decataba do pouco que aprendía de xornalismo. Ata que comecei a exercelo. Se esta é a educación da nova normalidade, entoemos un réquiem polo coñecemento. Será un ensino moi moderno, pero con moi pouca clase.

Comentarios