Opinión

A Tentación da Liberdade

Queremos soñar grandezas para Galiza e facer realidade os soños

Luís Seoane

Nos pasados días asistimos a unha campaña infame de acoso e intimidación mediática e institucional contra o Centro Galego de Bruxelas por alugar o espazo cultural La Tentation para a celebración o próximo 8 de decembro do festival 12 horas per la Llibertat, en solidariedade coas persoas presas e exiladas políticas catalás. O máis grave do caso é que na polémica interveu o mesmo presidente da Xunta, que chegou a expresar publicamente a súa “disconformidade, desgusto e rexeitamento” polo feito de alugar un centro galego para “unha actividade que supuña ir contra o ordenamento xurídico de Galicia”.

Estamos diante dun debate con múltiples caras, que pon o rexime político español e o seu eximio representante na Galiza, Alberto Núñez Feixoo, diante do espello das súas miserias. É en primeiro termo un debate sobre os límites da democracia e da liberdade, e sobre a interpretación regresiva e autoritaria que fai o Estado español dos dereitos fundamentais, perseguindo penalmente a disidencia e o pluralismo político. Nesta cuestión xa interveu reiteradamente nos últimos tempos o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, que condenou a España por non respectar os principios máis básicos dunha democracia. E tamén se pronunciaron diversos tribunais de xustiza europeos, que puxeron de relevo que España máis que un “Estado de dereito” é un “Estado de excepción” ao encarcerar e solicitar elevadas penas de prisión por delitos ficticios de rebelión e sedición para persoas como os dirixentes do “Procès” que defenderon de maneira pacífica os seus ideais.

Estamos diante dun debate con múltiples caras, que pon o rexime político español e o seu eximio representante na Galiza, Alberto Núñez Feixoo, diante do espello das súas miserias

 

O que subxace nesta controversia arredor do festival 12 horas per la Llibertat é a pretensión absurda das institucións españolas de extender a súa xurisdición máis alá dos Pireneos, obviando que Bélxica é un estado soberano, que respecta as liberdades e o pluralismo, e que ten un sistema xudicial con moita máis calidade democrática cá reacionaria e intervida administración de xustiza española.

E en último termo, o que revela este debate é a tentativa fallida da Xunta de Galiza de dirixir, controlar e condicionar a actividade dos centros da diáspora galega, utilizando para tal fin toda clase de medios, mesmo a chantaxe e a intimidación. 

Mais no caso do Centro Galego de Bruxelas picaron en óso pois na xuntanza da directiva do pasado 19 de novembro acordaron, malia as presións de todo tipo recibidas, que “tanto os exilados políticos como o rapeiro Valtonyc poderán actuar nos locais de La Tentation amparándose no principio de liberdade de expresión democrática”.

O que revela este debate é a tentativa fallida da Xunta de Galiza de dirixir, controlar e condicionar a actividade dos centros da diáspora galega

 

Foi unha unha decisión valente, que cómpre celebrar porque acenos coma este nos engrandecen como pobo. Foi un acto exemplar, que está á altura deste marabilloso proxecto cultural xerado en Bruxelas pola colectividade galega ao longo dos últimos 20 anos. Un proxecto que fala de renovación xeracional, de diálogo intercultural en pé de igualdade, de amplitude de miras, e, en definitiva, das arelas dunha Galiza emigrante afastada dos tópicos e das mixtificacións.

La Tentation e Ialma son propostas culturais recoñecidas e respectadas, resultado en grande medida da forza creadora de mulleres galegas, rexas, creativas, que foron quen de avanzar rompendo os límites herdados, tendendo pontes con outras culturas, conquistando un lugar propio no panorama cultural belga e europeo, construindo espazos para a creatividade e a liberdade arredor da música.

Vaia desde aquí toda a forza do mundo e unha grande aperta para Noemí, para Marisol, para Magali, para Verónica, para Nuria e para todas as mulleres que en Bruxelas soñan grandezas para Galiza e fan realidade os soños.
 

Comentarios